As ‘táboas’ da salvación

O grupo de teatro de Adaceco, que traballa pola integración social de pacientes con dano cerebral adquirido, representa hoxe no Centro Cívico dos Mallos a obra ‘7 escenas, 7 pecados’

Información extraída de La Opinión de A Coruña.

Parte dos integrantes do Grupo de Teatro Adaceco

Aínda que nunca subiron a un escenario, os membros do grupo de teatro da Asociación de Dano Cerebral Adquirido da Coruña (Adaceco) atoparon, entre bambalinas, un motivo máis para manter viva a ilusión. Esta tarde volverán demostrar, sobre as táboas do auditorio do centro cívico dos Mallos, que “unha vida salvada merece ser vivida”. Representarán a obra ‘7 escenas, 7 pecados’, dentro das actividades programadas pola entidade para conmemorar o Día Nacional do DCA, que se celebra o venres.

MARÍA DE LA HUERTA. Alicia, Carlos, Ángel, Pablo, Emilio, Diego, Gerardo, Ledicia, Rosa, Jesús, Daniel, Suso, Andrés, Mercedes e “o trío de Manueles” volverán subir hoxe a un escenario para demostrar que afrontan, con ilusión, a súa nova vida. Sobre as táboas do auditorio do centro cívico dos Mallos, os integrantes do grupo de teatro da Asociación de Dano Cerebral Adquirido da Coruña (Adaceco) representarán a obra ‘7 escenas, 7 pecados’, dentro dos actos programados pola entidade para conmemorar o Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido, que se celebra este venres.

“Primeiro proxectaremos un vídeo no que se mostra o proceso de creación da obra que, como o seu propio nome indica, representa en sete escenas os sete pecados capitais”, explica a monitora do grupo de teatro de Adaceco, Noemí Miranda, quen cualifica o espectáculo como “moi gamberro”. “O broche de ouro é moi divertido. Haberá música e ata se invitará a bailar ao público”, subliña.

O ano pasado, a función do Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido realizouse no Teatro Rosalía de Castro, pero nesta ocasión non puido ser así “por falta de datas dispoñibles” tanto nese recinto, como no Ágora. “Gustaríanos moito poder repetir no Rosalía, xa que a acústica é moito mellor, pero que se lle vai facer”, sinala a monitora da actividade, quen lamenta que na Coruña haxa “moi poucos centros” onde se poidan realizar este tipo de representacións. “Nin sequera o Fórum Metropolitano está adaptado”, remarca.

En funcionamento desde 2006, o grupo de teatro de Adaceco pretende favorecer a integración social de pacientes con lesións cerebrais causadas, sobre todo, por accidentes cerebrovasculares e traumatismos sufridos en accidentes de tráfico. “A actividade busca contribuír á socialización dos pacientes con dano cerebral adquirido e facer que o pasen pipa, e creo que o estamos conseguindo”, indica a directora de Adaceco, Inés Ramos, quen destaca que estes enfermos precisan “un empuxón” para tomar conciencia de que “unha vida salvada, aínda en cadeira de rodas, merece ser vivida” e comprender que “se se esforzan, teñen ganas e convéncense de que poden facelo, poderán conseguir todo o que se propoñan”.

Miranda incide tamén sobre esa cuestión: “Non se trata só de facer teatro, senón de axudar aos membros do grupo a traballar aspectos como a expresividade, a axilidade mental ou a memoria, e a perder a vergoña”, asegura a monitora, quen destaca o “incrible cambio” que experimentaron os membros do grupo de teatro de Adaceco tanto en expresión corporal, como no seu xeito de comunicarse. “Gañaron moitísima confianza en si mesmos. Son un grupo de amigos que o pasan xenial, e iso nótase sobre as táboas”, sinala.

Sobre a actitude coa que encaran os seus alumnos a actuación desta tarde no centro cívico dos Mallos, a monitora do grupo de teatro de Adaceco recoñece que “uns están máis nerviosos que outros” aínda que, “en xeral, lévano bastante ben”. “Xa teñen experiencia”, conclúe.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s