Científicos europeos ofrecen esperanza aos enfermos de ictus

Informaión extraída de Cordis. Servizo de información comunitario sobre investigación e desenvolvemento.

Na Unión Europea rexístrase cada ano un millón de casos de ictus, a segunda causa de morte no mundo, precedida polas cardiopatías. Os datos da Unión Europea indican que aproximadamente o 25% dos homes e o 20% das mulleres presentan unha alta probabilidade de sufrir un ictus se alcanzan os 85 anos de idade. A pesar da elevada mortalidade do ictus, derivada dunha falta de rego sanguíneo ao cerebro e a consecuente perda rápida de funcións cerebrais, os científicos pensan que dando con tratamentos máis eficaces poderíase mellorar a taxa de supervivencia destes pacientes. Dous proxectos financiados con fondos europeos están actualmente investigando novos tratamentos para os pacientes diagnosticados de ictus co obxectivo de aumentar as esperanzas e a supervivencia tras o accidente cerebrovascular.

Os proxectos Eustroke e ARISE reuniron a investigadores, médicos e pequenas empresas para levar a cabo un labor punteiro de investigación e desenvolvemento que achegue novos e prometedores tratamentos. Os proxectos Eustroke (‘Rede europea para a investigación do ictus’) e ARISE (‘Lograr a recuperación tras un ictus’) están ambos financiados con fondos europeos, a razón de 10 e 11 millóns de euros, respectivamente, polo tema de Saúde do Sétimo Programa Marco (7PM).

O consorcio Eustroke, dirixido pola Universidade de Heidelberg, Alemaña, estuda diferentes vías para mellorar o coñecemento do sistema neurovascular a fin de descubrir novos tratamentos terapéuticos e estratexias de prevención para o ictus. O equipo de ARISE, pola súa banda, está desenvolvendo e realizando ensaios con novos tratamentos encamiñados á reparación das perdas da función cerebral. A obtención de resultados positivos podería encher de esperanza aos pacientes con ictus e mellorar a súa calidade de vida.

“A Comisión Europea sempre nos animou a traballar xuntos”, afirmou o coordinador de Eustroke, o profesor Stephen Meairs, do Departamento de Neuroloxía na Universidade de Heidelberg. “Inicialmente formamos plataformas comúns para levar a cabo ensaios clínicos e formar a novos científicos. Decidimos utilizar os mesmos modelos de ictus e métodos e compartir os avances en técnicas de imaxe. No entanto, a medida de colaboración máis destacada foi a fusión total dos dous consorcios para formar a ‘Rede Europea de Ictus’ (European Stroke Network, ESN), o que permitiu utilizar de forma óptima os recursos europeos e reunir aos mellores expertos na investigación do ictus para loitar contra esta devastadora enfermidade.”

Grazas ao traballo conxunto, o equipo de ESN realizou grandes progresos no tratamento e a prevención do ictus. Un exemplo diso é a descrición de novos conceptos para o tratamento da inflamación cerebral que aparece tras o ictus, que pode resultar mortal. Os investigadores de ESN descubriron que ao mellorar a contorna de tratamento, isto é, que os pacientes xogasen ou realizasen diversas actividades durante a fase de recuperación, poderíanse obter moi bos resultados. Para a investigación utilizáronse as técnicas de imaxe máis avanzadas co fin de demostrar os mecanismos polos cales este tipo de actividades xera novas conexións no cerebro.

O grupo está desenvolvendo tamén novas estratexias para eliminar trombos dos capilares cerebrais mediante ondas sonoras, mellorando así o tratamento agudo do ictus. Outra rama de investigación baséase no estudo de tratamentos inmunolóxicos sofisticados para evitar os efectos neurotóxicos do axente trombolítico tPA (activador tisular do plasminóxeno). Ao avaliar o papel que desempeña a inflamación no ictus, observaron que a infección crónica sistémica aumenta os danos isquémicos e na barreira hematoencefálica, o que, á súa vez, produce unha inflamación cerebrovascular constante.

“As consecuencias do ictus e a subseguinte reorganización e reparación do cerebro son procesos moi complexos”, indicou o profesor e coordinador de ARISE, Ulrich Dirnagl, do Departamento de Neuroloxía e Neuroloxía Experimental e do Centro para a investigación do ictus de Berlín, situado no Hospital Universitario Charité, en Alemaña. “Para crear estratexias eficaces para a protección e reparación do cerebro, é necesario axuntar os esforzos de expertos en neurociencia básica, bioloxía vascular, neuroinmunoloxía, neuroprotección, neurorrexeneración, farmacoloxía e neuroloxía clínica do ictus.”

Sobre o traballo realizado o profesor Meairs comentou: “Un ictus pode ser devastador. Sinxelamente é a patoloxía de maior gasto sanitario, pois gástanse moitos miles de millóns de euros en asistir a quen os sofren. O ictus é a maior causa de discapacidade e cada vez existen máis casos, polo que é imprescindible abordar este problema.”

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s