Desterrados por un ictus

Dijibi, nun momento da súa rehabilitación nas instalacións da asociación Alento en Vigo

Dijibi, nun momento da súa rehabilitación nas instalacións da asociación Alento en Vigo

Unha asociación de Vigo atende a inmigrantes con danos cerebrais que non teñen familia e aos que a Xunta deixou sen rehabilitación

Información extraída de El País.

Un ictus borroulle a Djibi o castelán da cabeza, a lingua que este senegalés aprendeu cando chegou a España fai anos para sobrevivir como vendedor ambulante. A sacudida no cerebro sobreviuno en Vigo en agosto pasado, só uns días despois de pisar a cidade por primeira vez, lonxe da súa familia e sen permiso de residencia. Espertou na súa cama sen poder moverse nin falar, recorda. Cando o Hospital Xeral lle deu a alta, Djibi tiña un lado do corpo paralizado e seguía sen poder verbalizar os seus pensamentos. Unha traballadora social do centro hospitalario, desesperada, chamou á asociación Alento, integrada por familiares de persoas con dano cerebral: “Se non vos facedes cargo vós del, o hospital deixarao na rúa en cadeira de rodas”.

Alento respondeu e acolleu a Djibi, silencioso e enclaustrado, co seu cerebro impedido para atopar as palabras, sen nin sequera un pasaporte no peto que o situase no mundo. O mesmo fixera xa a asociación viguesa con outros cinco inmigrantes faltos de documentos e familia que pague os tratamentos. O Servizo Galego de Saúde (Sergas) deulles a todos eles a alta hospitalaria sen garantirlles un teito e a rehabilitación á que todo paciente ten dereito. É o caso de Nuno (nome ficticio, do mesmo xeito que os que seguen), que se quedou na rúa porque pechou o piso de doentes terminais con VIH no que vivía en Vigo. Ou o de Patricia, unha muller brasileira á que un ictus deixou en herdanza unha conduta irascible, agravada polo descontrol na súa vida e na toma da medicación. Como consecuencia deses problemas de conduta de orixe médica, ten encima unha orde de expulsión por agredir a un policía. Patricia recibe en Alento a rehabilitación necesaria para poñer a punto o seu cerebro e esquivar a exclusión social que a acosa desde que naceu.

Djibi loita agora por recuperar do todo a movilidade e a fala (como mellor se expresa é en wolof, o idioma propio de Senegal, e en francés). Os terapeutas de Alento e outros chegados ao centro de xeito voluntario para axudar a Djibi traballan con el varias horas ao día, uns exercicios nos que tamén colabora, sen cobrar, a clínica privada de Alberto Guitián. “Cos recortes, o persoal que temos non chegaba para o traballo intenso que necesita Djibi e buscamos axuda fóra”, explica o director de Alento, Gonzalo Mira. Como o Goberno de Rajoy obriga agora aos inmigrantes sen papeis a pagarse a medicación, foron os Misioneros del Silencio de Teis e a ONG Médicos del Mundo os que se fixeron cargo dos fármacos. O Sergas negáballe ata agora a Djibi a asistencia: o mesmo día que este xornal chamou á Consellería de Sanidade preguntando polo seu caso, o servizo galego de saúde comunicoulle a Alento que acababan de concederlle a tarxeta sanitaria e, xa que logo, médico de cabeceira e fármacos gratuitos.

Os esforzos están dando resultado: Djibi aparcou a cadeira de rodas coa que saíu do hospital e xa anda distancias curtas. A súa man dereita segue durmida profundamente, pero este destro de 34 anos consegue manobrar xa a súa esquerda o suficiente para resucitar o oficio do que viviu tanto en Senegal como en España, relata. É artesán do coiro e así o demostrou nos talleres de Alento. Fai unha semana viaxou a Madrid acompañado do psicólogo da asociación e na Embaixada do seu país tramitáronlle o pasaporte. Djibi empeza a situarse no mundo. Naceu na cidade senegalesa de Tambacounda.

El segue a senda de recuperación que xa percorreu Kofi, orixinario de Ghana, que encadenou varios ictus desde 2001. O latigazo máis forte foi en 2009. A metade do seu corpo paralizouse, perdeu oído e fala, quedou desamparado trala alta hospitalaria. Coa axuda de Alento, aprendeu a andar cunha muleta e hoxe xa vive só.

“Neste país, que ata hai pouco presumía de potencia mundial, estas cousas pasan”, lamenta Mira, mentres rememora unha vez máis, aínda impresionado, as historias destes enfermos inmigrantes. En 2006 aprobouse unha Carteira de Servizos do Sistema Nacional de Saúde que recoñece o dereito dos pacientes con “déficit funcional recuperable” a recibir rehabilitación por parte da Administración. En tempos de abundancia chegou a lei pero non os fondos para cumprila e foron as asociacións creadas por familiares de enfermos as que na práctica se encargaron de cubrir ese importante baleiro. O director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Félix Rubial, móstrase sorprendido polo caso de desamparo de Djibi e os seus compañeiros inmigrantes de Alento. Os hospitais e centros de saúde do Sergas contan con servizos de rehabilitación e estráñalle que o médico que deu a alta ao senegalés no Xeral non lle prescribise esas terapias públicas. A condición de estranxeiro sen papeis deste enfermo, sostén Rubial, non determinou o seu desamparo. “Temos servizos de rehabilitación, pero non digo que non haxa dificultades. Chegamos a un determinado límite”, explica o responsable sanitario, que cualifica o rescate e recuperación de Djibi grazas á traballadora social do Xeral e as ONG un “éxito social”.

Benestar dálles as costas

Alento atende a 56 pacientes e ten unha lista de espera de 34 persoas. Ata que a debacle financeira lle chupou o sangue ás arcas públicas, o colectivo facilitaba aos lesionados cerebrais as terapias grazas a subvencións da Xunta. Agora as achegas públicas e privadas caeron un 46% en catro anos. Para evitar o paso á fronte sobre o precipicio, a asociación nada en 2000 presentou un expediente de regulación de emprego (ERE) e incrementou o copago das familias aos tratamentos. Acaba de abrir unha campaña para captar fondos de entidades privadas. “Históricamente priorizamos ás persoas con menos ingresos fronte a outras que podían pagar máis”, sinala o director da asociación. “Pero agora cos recortes, quizais teremos que pensar máis no diñeiro…”

O colectivo vigués está a piques de mudarse a unhas novas instalacións, adaptadas aos requisitos da Lei de Dependencia, que se levantaron con axudas da Xunta outorgadas en 2008. A sé conta con 110 prazas, 81 de centro de día e 29 de residencia, pero abrirá en xaneiro habilitando só as primeiras por falta de medios. O edificio custou 4,5 millóns de euros e case a metade sufragouse con fondos públicos. Agora non recibirán nin un euro do Goberno de Feijóo para afrontar os custosos gastos que conlleva poñer en marcha a sé e volverán ser as familias dos enfermos as que aporten o diñeiro. A Administración alega que non ten fondos suficientes para concertar prazas pese a que, segundo Alento, os pacientes con dano cerebral adquirido “é un dos colectivos máis desamparados en recursos”.

Mentres o cerebro de Djibi esperta grazas aos coidados de Alento, a Consellería de Benestar acaba de aprobar un concerto millonario cunha residencia para dependentes montada por unha empresa privada en Bóveda (Lugo). O departamento de Beatriz Mato defende que o centro lucense atenderá a discapacitados físicos gravemente afectados, o colectivo “no que máis demanda se rexistraba” e no que “prácticamente existía unha carencia de recursos”. A consellería afirma que “as cifras detectadas” na área de Vigo de afectados por dano cerebral adquirido “non priorizan o concerto de prazas”. Segundo os datos de dependencia de Benestar, só esperan por unha praza en Vigo seis pacientes con esta doenza, que sofren persoas con tumores cerebrais, ictus, traumatismos craneoenfálicos por accidentes de tráfico ou laborais ou que sufriron paradas cardiorrespiratorias.

Advertisements

One response to “Desterrados por un ictus

  1. Pingback: O programa de “atención aos excluídos” de Alento en ‘Compartir’ | FEGADACE·

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s