“Un síntoma de ictus é unha urxencia”

O neurólogo Jaime Díaz Guzmán, coordinador da Unidade de Ictus do Hospital 12 de Octubre (Madrid).

O neurólogo Jaime Díaz Guzmán, coordinador da Unidade de Ictus do Hospital 12 de Octubre (Madrid).

Entrevista extraída de ABC.

Cada ano rexístranse 200 ictus por cada 100.000 habitantes. Deles, o 80 por cento prodúcense pola obstrucción dun vaso sanguíneo no cerebro (infarto cerebral) e o 20% por unha hemorraxia. Estes son algúns datos de Iberictus, o estudo epidemiolóxico máis ambicioso que se realizou en España sobre a incidencia de enfermidades cerebrovasculares. O neurólogo Jaime Díaz Guzmán, Coordinador da Unidade de Ictus do Hospital 12 de Octubre (Madrid), coordinou este traballo que ofrece a radiografía máis completa do ictus no noso país.

-Cal foi o dato máis sorprendente?

-Non houbo grandes sorpresas. Sabiamos que afectaba máis aos homes e tiñamos uns datos aproximados da súa incidencia, pero si nos chamaron a atención as diferenzas entre comunidades autónomas. No centro da Península a incidencia de ictus é relativamente baixa -uns 135 casos por 100.000 habitantes- se se compara con Andalucía. En Almería, por exemplo, a taxa é de 220 casos por 100.000 habitantes. Estes datos son reais, non responden a ningunha estimación.

-Por que esas diferenzas?

-O estudo limítase a ver a incidencia, non se avalían as causas. A miña impresión é que as diferenzas débense a estilos de vida e ao mellor ou peor manexo dos factores de risco do ictus, como son a hipertensión, a dieta, o tabaco e quizá tamén á atención sanitaria das comunidades.

-Cal é o inimigo número un da enfermidade cerebrovascular?

-O factor de risco máis claro é a idade. O ictus é unha desas patoloxías asociada ao envellecemento. Pero a pouca distancia hai outros factores de risco, como a hipertensión, que si son modificables. A hipertensión é unha enfermidade silenciosa, que non se nota e non dá a cara salvo que tomemos a tensión. A partir dos 45 anos hai que empezar a vixiala e a tomar a tensión na farmacia ou o centro de saúde. Se se é hipertenso, se fuma, se ten diabetes, e o colesterol elevado, o risco multiplícase. Tamén empezamos a ver a apnea do soño como un factor de risco emerxente. Os grandes roncadores, que non descansan ben pola noite, son tamén máis sedentarios, teñen hipertensión e aumentan o seu risco de ictus.

-Cal é a idade máis perigosa?

-Os varóns sófrenos antes que as mulleres. Nun home, a idade media para o primeiro ictus é aos 69 anos, na muller, 73.

-A celeridade no tratamento do ictus é clave para reducir os danos. Canto tempo se ten para conseguir bos resultados?

-Chegar pronto ao hospital é clave e máis aínda a unha unidade de ictus onde se prestan coidados protocolizados e pódense aplicar as últimas terapias durante as 24 horas do día. No ictus isquémico (infarto cerebral) hai unha primeira marxe de tres horas para aplicar un tratamento intravenoso que destrúe o trombo. Se se superan esas primeiras tres horas, pódese intentar eliminar a obstrucción cun cateterismo. Esta técnica pódese facer nas primeiras 6-8 horas. En casos moi excepcionais pódese chegar ata as 24 horas. Pero o desexable e a mensaxe que debe prevalecer é que un síntoma de ictus é unha urxencia e débese acudir ao hospital o máis axiña posible. E tamén que se debe esquecer o fatalismo de fai anos: existen tratamentos eficaces.

-Pero antes hai que saber identificar un ictus, a poboación coñece os síntomas?

-Non, non se coñece ben. Iso é un gran problema que algunhas campañas intentan resolver. Os síntomas que nos poñen sobre aviso son: tórcese a boca ou aparece algún tipo de parálise facial, debilidade dun brazo ou unha perna, sobre todo se se producen no mesmo lado, e problemas para falar ou entender. Todos eles son síntomas rechamantes pero hai algúns pacientes que esperan un día para ir ao hospital coa esperanza de que lles pasen por sós. A mensaxe clara é que cando aparece un destes síntomas, ninguén debe dubidar e ten que chamar ao 112 de urxencias ou acudir ao hospital. Un tratamento a tempo non só reduce a mortaldade, tamén as posibles secuelas.

-É mellor acudir a un hospital con unidade de ictus. Hai suficientes no territorio?

-En Madrid temos seis e en España en torno a 35-40, pero faría falta algunha máis. Existe un plan nacional para facilitar a atención cidadá na maior brevidade posible, aínda que aínda hai unha importante marxe de mellora. As unidades de ictus non son como unha UCI, non necesitan ofrecer unha vixilancia intensiva pero si coidados diferentes a unha unidade de urxencias ao uso.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s