A cidade como unha carreira de obstáculos

cidade

Edificios e rúas non se adaptan ás necesidades de quen non ven, non oen ou teñen mobilidade reducida.
Un posible accidente ou a idade converten a todos en potenciais usuarios.

Información extraída de El País.

“Atención. VOSTEDE ESTÁ RECIBINDO UN E-MAIL DUNHA PERSOA CEGA. Isto é inclusión dixital. Se envía un arquivo gráfico, por favor descríbao no corpo da mensaxe. Unha sociedade inclusiva é aquela que recoñece, valora e respecta a diversidade humana. Grazas!”. O correo electrónico que se pecha con esta mensaxe enviouno o arquitecto Ignacio Lucini, de 48 anos. Fai tres non tería engadido este aviso, pero dúas isquemias do nervio óptico fixeron que, en menos dun mes, pasase a ver só sombras.

Máis do 90% das persoas adscritas á ONCE poden ver sombras, pero os seus 71.295 afiliados son poucos comparados co millón de persoas con discapacidade visual que a última Enquisa EDAD, do Instituto Nacional de Estatística, calcula que hai en España. Tamén hai un millón de persoas con xordeira e só 400.000 utilizan linguaxe de signos. “Costa moito recoñecer unha discapacidade. Ninguén o fai ata que lle resulta imposible valerse por si mesmo”, conta o psicólogo Juanjo Cantalejo, responsable de accesibilidade do Cermi (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade).

Entre os cegos censados pola ONCE, o grupo maior está entre quen teñen máis de 65 anos. Ese dato demostra que, ao longo da vida, as capacidades das persoas cambian. Lucini é un exemplo dese cambio. Por iso, un puñado de asociacións e un grupo de profesores do Campus de La Salle e da Universidade Politécnica de Madrid levan anos empeñados en explicar que todos podemos ser discapacitados e que, máis por egoísmo que por altruismo, a cidade non debería ser unha carreira de obstáculos para quen non pode moverse, ver, ou oír. As cousas poden facerse mellor, pero para facilitar a vida de quen ten problemas eses asuntos deben primeiro coñecerse.

No IV Foro sobre Accesibilidade da Cátedra Arpada debátese quen e por que decide as normas da accesibilidade. Pero o propio edificio que alberga a reunión, o Colexio de Arquitectos de Madrid, non tivo en conta as necesidades de quen se move en cadeira de rodas ou de quen atopa o camiño tenteando cun bastón á hora de idear a súa nova sé, na rúa Hortaleza, fai tres anos. Se os arquitectos non dan exemplo, como non tropezar coa cidade?

Como a maioría da poboación, este colectivo entende a necesidade das rampas, os espazos libres de obstáculos, os pavimentos condutores e a eliminación das barreiras arquitectónicas, pero a moitos parécelles que preparar un edificio para que todos podamos usalo impide a excelencia arquitectónica. E en parte teñen razón: necesítase unha gran dedicación para resolver tantos axustes e non simplemente engadir asideiros unha vez ideado, e fotografado, o inmoble. Aínda que o arquitecto Lucini insista en que a accesibilidade non é incompatíbel co bo deseño e recorde que se un edificio é capaz de absorber as instalacións de auga, baixantes e electricidade debería tamén dar acomodo ás rampas e ás barandillas sen desvirtuarse, a poucos proxectistas non lles arrepía ter que pensar nunha dobre barandilla rodeando a súa escaleira ou nun ascensor sen a limpeza visual dun espazo baleiro.

Talvez porque queda oculto, o lavabo téñeno máis asumido. “Pero hai sitios nos que só poden ouriñar os destros”, explica Manuel Rancés, secretario de accesibilidade da Federación de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica da Comunidade de Madrid. Rancés ponse a si mesmo de exemplo. Intenta pasar da súa cadeira de rodas a outra butaca e non o logra porque esta ten brazos. Existe toda unha xerga (demasiado complicada) para as persoas con discapacidade. Ao intento de trasladarse á butaca realizado por Rancés para ilustrar a dificultade de sentarse sobre o inodoro e a necesidade de que este sexa accesible por ambos lados denomínano transferencia. E poida que esa xerga enrevesada (os mesmos cargos dos testemuños desta reportaxe ou o nome cambiante e eufemístico de cegos a invidentes, primeiro, e logo a persoas con discapacidade visual) complique algo máis o coñecemento do que é a accesibilidade: que todos poidamos usar a cidade e os edificios.

“Son desmontable”. A arquitecta Elena Nieves Móuriz non se anda con eufemismos. Perdeu parte das pernas nun accidente fai 20 anos. Desde entón ve o mundo apoiada en muletas. Ou sobre unha cadeira de rodas. E tamén traballa para que os edificios e as cidades sexan máis accesibles desde a Consellería de Transportes, Infraestructuras e Vivenda da Comunidade de Madrid. Móuriz conta que o 1 de xaneiro de 2016 termina o prazo para que todos os edificios e rúas españolas deixen de ter obstáculos para as persoas con discapacidade. Pero móstrase pesimista: “Todo o que non entra nos parámetros establecidos préstase á ambigüidade e, ao final, lanzarse por moitas das novas rampas, sen barandillas e con grandes pendentes, equivalería a ter que atropelar a alguén ou estrelarse”. Mentres fala, mostra imaxes de aplicacións da normativa, en oficinas bancarias ou en bordes de beirarrúas, que en lugar de solucionar o problema enmascárano: “unha rampa con gran pendente esixe a forza do incrible Hulk para poder ascender por ela e, sen apoiabrazos, convértese nunha perigosa lanzadeira se alguén se atreve a entrar nela cunha cadeira de rodas. Eu, desde logo, non o faría”. A ambigüidade da abundante e contradictoria normativa existente contribúe a estes despropósitos.

Cando Lucini perdeu a vista sentiu que a súa formación de arquitecto se convertía nun lastre. Tratou de reciclarse profesionalmente e na ONCE comprendeu que, ante a súa chegada, algúns dirixentes “antigos vendedores de cupón” vían perigar o seu posto. Por iso, tras moitas voltas, decidiu abrir a consultoría Accedes, que dá pautas a arquitectos e constructores para que as persoas con problemas poidan moverse pola cidade.

O psicólogo Juanjo Cantalejo asegura que os problemas da accesibilidade son dous: o seu descoñecemento por parte dos cidadáns sen problemas de mobilidade e o seu amplo abano de necesidades, non todos precisan o mesmo. “Imaxine un matemático que non pode mover as pernas: Podería subir ao Everest? Podería con todo discutir teoremas matemáticos? Que ocorrería se, en lugar de non ter pernas, fóra xordo? Podería discutir?”. Si, podería, como o arquitecto Lucini pode ler correos electrónicos, pero para iso os edificios deberían estar preparados para que funcionasen os audífonos e a xordeira é a irmá pobre da accesibilidade: non se ve e difícilmente se repara. “O problema da accesibilidade é que as urxencias non nos deixan ver o importante”, sostén Lucini. A rampa de acceso non é importante ata que un rompe unha perna.

Moitas veces a maternidade acende a luz sobre eses asuntos. Empuxar un carriño pola cidade carrexa tantas dificultades como moverse sobre unha cadeira de rodas. Algunha menos: á man de quen empuxa o coche non van parar os excrementos dos cans que algúns transeúntes non se molestan en recoller.

A falta de civismo podería repararse, en parte, se os cidadáns medios tivésemos presente os problemas doutras persoas. Os que nós mesmos podemos ter se a nosa vida dá un xiro inesperado. Por iso, moitos dos profesionais preocupados por facilitar a circulación polas cidades e os edificios a quen sofren algunha discapacidade recoñecen que están fartos de ver sempre as mesmas caras. “Sempre somos os mesmos, o mesmo grupo de expertos debatendo, cando o que se debe facer é dar a coñecer á sociedade os problemas dunha porcentaxe amplísima da poboación”, quéixase o arquitecto Lucini.

“Pero vós cantos sodes?” conta o psicólogo Cantalejo que lle preguntou unha política tras escoitalo. “Vostede mesma pode ser un de nós. A maioría das veces non se nace discapacitado. A vida cambia e a xente ten accidentes, vai perdendo vista, memoria ou oído. Pódenos pasar a todos”. Un pode ser, mesmo, un discapacitado temporal. Sábeo quen rompeu unha perna e, vivindo nunha casa de dúas plantas, debe instalar unha cama no salón. Esa persoa agradecerá que as estacións de metro teñan ascensor.

Parece claro que ou se experimenta o que é moverse pola cidade sen ver ou sen poder levantarse dunha cadeira de rodas ou queda demasiado afastado entender cuán necesario é que a arquitectura non cree máis problemas ás persoas con problemas. “O que nós pedimos é o que busca un neno: poder movernos sen molestar a ninguén, poder ser independentes”, insiste Lucini. E o de insistir é un dicir: este home é a paciencia personificada, aínda que temeu perder a calma xunto á vista. Salvouno ir ver a outra persoa cega. “Sufrín a ansiedade de saber se podería volver ler, a escribir e a facer as cousas que facía rutinariamente de forma independente. Pero, neste mundo da escuridade atopeime con xente con ganas de vivir, aprender e transmitir emocións”. Conta que por Skype ou por correo electrónico, un grupo de cegos ao que pertence soluciona problemas informáticos, envíanse chistes, receitas, música, “e ata os luns charlamos unha hora en inglés conectados desde Mallorca, Barcelona, Córdoba, Marbella, Valencia e Canadá”.

A tecnoloxía mellorou moito a independencia dos cegos, aínda que Technosite, unha filial da ONCE, explica que non todas as páxinas web e non todos os xornais dixitais son igualmente accesibles. No terreo da información, a radio non ten competencia, pero case todos os xornais poden lerse con programas de axuda de voz. “E o cine Roxy e o Centro Dramático Nacional teñen audio-descricións”, explica Lucini. El defende que os arquitectos non teñen a culpa de todas as barreiras que impiden que as cadeiras de rodas se movan polas cidades. “Tamén as constrúe o transporte e as comunicacións”, apunta. Rancés, con todo, pon de exemplo o metro e os autobuses como paradigma de adaptación para todo tipo de usuarios nos últimos anos. Con todo, ambos están de acordo en que a principal barreira é mental, e non a sofren só os discapacitados.

Fai unhas semanas, Lucini falou nunhas xornadas piloto nas que arquitectos, invidentes, persoas con mobilidade reducida e representantes do CEAPAT (Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas) fixeron que 60 nenos experimentasen, por unhas horas, como é o mundo sen vista ou con mobilidade reducida. Tratábase de que eles mesmos caesen na conta do que necesitan os edificios e as cidades para que todos podamos usalas sen tropezar.

Nesas charlas explicaron quen foi Louis Braille, que ideou o seu sistema de lectura a través do tacto cando só tiña 15 anos e non podía ver. Os nenos tiveron que camiñar cunha venda nos ollos, tenteando o camiño cun bastón. Tamén trataron de ir ao baño sentados nunha cadeira de rodas. Ese é o principio: información e educación.

Como Braille, o arquitecto Guillermo Cabezas Conde tamén foi un pionero. Está considerado o Ángel Nieto da accesibilidade. Tras perder unha perna na Guerra Civil foi o primeiro en levar a accesibilidade ao deporte adaptado. En 1978 publicou o libro Como proxectar sen barreiras arquitectónicas, onde explicou que unha cidade máis accesible é, por lóxica, unha cidade máis igualitaria.

Por iso Cristina Rodríguez-Porrero, a directora do CEAPAT, está empeñada en empezar desde abaixo, polos nenos. Quere asegurarse de que o descoido non sexa escusa para non deseñar as cidades pensando en todos. Ata nos que non vemos. Os cegos, que xogan ao futbol cun balón con cascabel, si senten, na cidade que palpan, o tipo de sociedade que somos os que facemos as cidades.

“Custa explicar a unha persoa que vai perdendo ou perdeu a visión ou a mobilidade que a discapacidade non é o final senón o principio doutra vida”, explica Lucini. Por iso cre que dar a coñecer os problemas das persoas con discapacidades é o primeiro paso para solucionalos. Puro método científico: facer visible o problema para tratar de achar a solución. E niso anda. Entre cursos, foros en Internet, programas de formación para arquitectos e xornadas de información, aprendeu a mirar a vida de xeito máis inclusiva: “Cando si tiña capacidade para ver a todas as persoas, non as vía. E agora si”.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s