“Se teño que pagar a ambulancia terei que deixar de ir nela”

O entrevistado, Francisco Guimarey.

O entrevistado, Francisco Guimarey.

Polimedicado, Francisco Guimarey vai a diálise tres días por semana e leva unha prótese.

Entrevista publicada en La Voz de Galicia.

O Real Decreto 16/2012 supuxo un auténtico mazazo para os pensionistas. A principal medida, o copago dos fármacos que antes tiñan gratuitos, está en vigor desde xullo. Pero non é o único. Falta por habilitar o copago na prestación ortoprotésica e o do transporte sanitario non urxente, é dicir, o das ambulancias. A Xunta prepara ademais un cambio a maiores no caso das próteses, para que o usuario adiante o diñeiro previamente, que despois lle reintegrará o Sergas.

E nesas anda Francisco Guimarey González, dun pobo de Cuntis. Forma parte dunha nova especie, o copagador, porque lle van tocar todas. Ten 78 anos. Traballou na construción desde os 17 ata os 65. Cobra “unha pensionciña tirando a baixa”. Paga ao mes os oito euros que lle corresponden en fármacos porque “tomo unha boa pandilla de medicamentos”. A iso haberá que sumar a ambulancia, cando entre en vigor o copago. Vai tres días a diálise a Pontevedra. Actualmente vai outros dous a rehabilitación porque acaban de poñerlle unha prótese. Neste caso non tivo que adiantar o diñeiro, pero Francisco xa o di claramente, “a prótese anda preto dos seis mil euros, se teño que adiantar os cartos tería que estar sen ela. E se teño que pagar a ambulancia, terei que deixar de ir. É que son cinco días á semana e catro semanas ao mes”.

A Francisco humor non lle falta. Diabético, operado do corazón, cortáronlle a perna fai dous anos por un problema de circulación. “O 1 de xullo, ou día do meu aniversario, funo a pasar ao quirófano”. Non se queixa. “Cada un ten que bailar co que lle toca”. Tanto no tema do material ortopédico como no das ambulancias a intención da Administración sanitaria é poñer unha achega máxima, pero a Francisco as contas non lle saen.

“É que todo sumado é un pico, e comer hai que comer”. Ademais, engade este xubilado, se o Sergas non garante un prazo de tempo curto para o reintegro do material ortopédico, algúns usuarios non poderán adiantalo. “Porque se non os tes, como os pides? Non lle podes dicir a ninguén que llos vas devolver tal día, porque non sabes cando chos devolven”.

Cando vén recollelo a ambulancia pasadas as doce da mañá, o tema de conversación é o mesmo. E amólalle unha frase que se repite de forma incesante: “tranquilo, que aínda vai ir a peor”. “Xa está ben”, pensa Francisco. Ata agora non se queixa. O persoal da ambulancia é estupendo e non paga nada por ela. Tampouco no caso da próteses, pero ve as cousas difíciles aos seus 78 anos. “Cando haxa que adiantar os cartos ou pagar haberá quen poida, pero haberá moitísimos que non”, explica. E a el tócalle estar no segundo grupo.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s