O pagamento adiantado das próteses entra en vigor o 15 de xuño

ortopedia

O ministerio traballa na posibilidade de que a achega do usuario ao pagamento dos produtos se faga en función da renda e non de forma fixa.

Información extraída de Europa Press.

Os pacientes galegos usuarios de prótese terán que adiantar o pagamento íntegro destes elementos a partir do próximo 15 de xuño a menos que cheguen a un acordo de “endoso” co establecemento de venda, segundo o cal sería o subministrador o que se faría cargo deste adianto para recibir directamente o reembolso da Administración.

Así o recolle o novo modelo de prestación ortoprotésica que presentou este martes o secretario xeral técnico do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández Campa, e que entrará en vigor o próximo 15 de xuño.

Dentro deste novo sistema, a Xunta xa non devolverá o prezo subvencionado destas próteses ao conxunto dos establecementos, senón que se fará de forma individualizada con cada prótese prescrita. Para iso, os usuarios terán que adiantar o custo íntegro da prótese e, posteriormente, solicitar á Xunta que lle devolva a parte subvencionada -dado que, polo momento, o paciente debe pagar unha cantidade fixa en función da prótese -.

Segundo explicou Fernández Campa, a Xunta manexa un prazo duns cinco meses para que ese diñeiro sexa devolto aos pacientes, 3 de prazo con carácter xeral e dous para elaborar a proposta de pagamento “como máximo”.

Posibilidade de “endoso”

Non obstante, se os pacientes non queren adiantar esta cantidade ou esperar un prazo medio de cinco meses para recuperala, Sanidade inclúe na orde un sistema de cesión de crédito ou “endoso”, segundo o cal o establecemento autorizado que vende o produto pode facerse cargo de adiantar o diñeiro e, posteriormente, reclamarllo directamente á Xunta.

Nestes casos, ademais da documentación ordinaria para solicitar o reintegro -impreso de solicitude, xustificante de prescrición, copia da ficha técnica do produto e factura-, deberá achegarse unha aceptación do endoso tanto por parte da empresa coma por parte da persoa usuaria.

Preguntado sobre a posibilidade de que os establecementos rexeiten adiantar eles os pagamentos -de modo que tería que facelo o usuario-, Fernández Campa indicou que non ten “noticias” de que noutras comunidades nas que está vixente este sistema “se estean a opoñer”.

En todo caso, recomendou, se esta situación se produce, o paciente terá a opción de “elixir outro establecemento” para adquirir a prótese.

Maior control

A Xunta formula este cambio de organización co obxectivo de determinar se a prestación protésica que subvenciona os pacientes coincide coa prescrición do sanitario. Neste sentido, Antonio Fernández-Campa recordou que anteriormente a Administración sanitaria recibía todas as facturas das próteses subvencionables nun único documento, o que facía difícil analizalas.

Co novo sistema, e facendo uso ademais dos datos da prescrición electrónica, poderanse analizar individualizadamente as prestacións.

Contía máxima

A orde aproba o catálogo xeral do material ortoprotésico, fixando para cada produto a contía máxima que financiará o Sergas. Polo momento, o paciente deberá facer fronte ao pagamento dunha cantidade fixa correspondente a parte do custo do produto, aínda que unha vez que entre en vigor a reforma que se está a realizar a nivel nacional, a intención é que os pacientes paguen ou non en función do seu nivel de renda, ao igual que se fai cos fármacos.

A orde refírese exclusivamente aos produtos ortoprotésicos ambulatorios. É dicir, as próteses e implantes cirúrxicos están excluídos deste sistema, é dicir, non teñen nin terán ningún tipo de achega do usuario e non se lles aplica este sistema de dispensa. Tampouco se inclúen os produtos dispensados na unidade de lesionados medulares nin na de atención temperá.

Os produtos serán prescritos sempre polos facultativos especialistas do Sergas e unicamente poderán ser dispensados polos establecementos sanitarios debidamente autorizados.

Serán dereitos dos usuarios a liberdade de elección de entre os establecementos sanitarios dispensadores conveniados, a renovación da prestación, se procede; a recepción de información técnica e certificado de garantía e a posibilidade de esixir cambios ou reparacións no produto.

Así mesmo, os usuarios deberán cumprir as instrucións do facultativo que prescribe a prótese, facer un bo uso desta e facer efectiva a devolución do produto se é reutilizable.

Advertisements

One response to “O pagamento adiantado das próteses entra en vigor o 15 de xuño

  1. Pois a “conveniar”, chegar a acordos coas ortopedias de referencia, ou outras dispostas a seren elas as que adianten. De feito xa se movilizaron, oxalá que en beneficio do seu cliente e non do propio como estamos acostumados. Era o que lles faltaba aos máis abandoados do sistema de “benestar”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s