Tolerancia cero coa discriminación

discriminación

Down España aconsella denunciar publicamente e ante a xustiza os casos contrastados de discriminación por motivo de discapacidade.

Información extraída da páxina web de Down España.

Non é habitual, pero tampouco estraño, o que en Down España recibamos chamadas ou correos de persoas que nos informan de que nalgún lugar do noso país se produciu unha discriminación a unha persoa con síndrome de Down por motivo de discapacidade.

Adoitan ser familiares ou achegados que buscan orientación. Na maioría dos casos séntense vulnerables e indefensos ante unha situación que viola dereitos fundamentais das persoas con discapacidade. Séntense frustrados e cansos de loitar por algo que debería ser de obrigado cumprimento.

“Non deixan entrar á miña irmá a unha piscina pública”, “á miña filla non a admiten en clase de Pilates”, “o colexio derívame a un centro de educación especial cando eu quero que o meu fillo estea con alumnos sen discapacidade”, … Moitas destas situacións ocorren na contorna próxima da persoa con síndrome de Down. Aínda que debería acollelos, paradoxalmente é onde se producen a maior parte das discriminacións.

Nos últimos anos, Down España denunciou publicamente varios destes casos. A discoteca Puzzle de Sabadell, o pub Basic de Alacante ou a cadea ZT Hoteles, negaron o acceso de grupos de persoas con síndrome de Down ás súas instalacións. Sempre se escudaron en razóns para argumentar a discriminación. “Os grupos como o voso deben avisar con antelación para que lles reservemos unha sala separadamente”, ese foi o motivo polo que a discoteca Puzzle lles negou a entrada. “Confundímosvos con outro grupo de persoas con discapacidade que nos causou problemas con anterioridade”, argumentou o Cabogata Plaza Suites de Almería -da cadea ZT Hoteles- para impedir a reserva de varios mozos con síndrome de Down que querían gozar duns días de relax nas súas instalacións. No caso do pub Basic de Alacante a situación foi aínda máis dolorosa: obrigaron ao grupo a saír do local unha vez estaban xa gozando dun intre de lecer. Nestes tres casos, o grupo de afectados e as súas familias decidiron unirse e denunciar o caso ante a Fiscalía da súa localidade.

O dono do Pub Basic foi condenado polo Xulgado do Penal número 7 de Alacante coa inhabilitación especial para o exercicio da hostalaría. Pola súa banda, os incidentes ocorridos na discoteca Puzzle de Sabadell e no Cabogata Plaza Suites aínda están pendentes de resolución. A Fiscalía admitiu a trámite ambas denuncias e están á espera de sentenza. Estes tres casos comparten un factor determinante: a discriminación fíxose en presenza de testemuñas. Ademais, no caso do hotel, dispoñíase dunha contestación por escrito.

Pero que facer cando se produce unha discriminación e non hai testemuñas?

É prioritario obter algunha proba que nos permita xustificar que efectivamente existiu discriminación, xa sexa levando testemuñas, ou solicitando contestación por escrito da negativa a admitir á persoa en determinada actividade, servizo, etc. Xa que logo, ante estas situacións é fundamental manter a calma e preguntarse como podo eu probar que isto está ocorrendo e poder aportar así probas do ocorrido?

Unha vez confirmadas as probas (persoais ou documentais) o seguinte paso sería informar á asociación local (se se pertence a algunha entidade de síndrome de Down). En caso contrario, é posible poñerse en contacto con Down España para informar do ocorrido aportando as probas que teñamos.

Este paso permite dous avances:

1º) Confirmar ante terceiros a nosa percepción de que efectivamente estamos ante un caso de discriminación (é importante unha ratificación allea e neutra que nos indique que a nosa apreciación persoal do caso é razoable e está avalada por outras persoas).

2º) Conseguir a interlocución e apoio dunha organización representativa das persoas con síndrome de Down, que facilite a mediación e a difusión do caso cando vaia a ser necesario.

O seguinte paso (unha vez asegurados os feitos e contrastados ante terceiros) é moi importante: contactar e dirixirse á Fiscalía da provincia máis próxima, para informar dos feitos, solicitar apoio e asegurar que a Fiscalía confirma o noso dictame de que estamos ante un caso de discriminación, investigable e punible polo propio sistema xudicial. Nesta situación, chegaría o momento de exercitar ou non o dereito de denuncia pública con todas as consecuencias (denuncia ante a Fiscalía, denuncia pública ante os medios de comunicación, movilización social de apoio se así fose necesario).

Para rematar, convén formularse o importante efecto de reivindicación social e de aprendizaxe colectiva que subxace baixo unha denuncia pública de discriminación por motivos de discapacidade. O labor de coñecemento e presión social pode ser clave, non tanto para resolver uns feitos que xa sucederon, se non para evitar que poidan repetirse, tanto cos mesmos actores como noutras circunstancias similares.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s