Información extraída da páxina web do CERMI.
O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) publicou unha completa guía informativa sobre o réxime legal das obras e actuacións de accesibilidade en edificios sometidos á lei de propiedade horizontal, para uso de persoas con discapacidade e as súas familias que necesiten levar a cabo obras que melloren a accesibilidade do seu inmoble.
A guía recolle a regulación xurídica na materia, que acaba de ser modificada pola recente Lei 8/2013, de 26 de xuño, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas, que introduce cambios na Lei de Propiedade Horizontal.
Na guía contense toda a información precisa para orientar aos veciños con discapacidade ou maiores de 70 anos, ou ás súas familias, que teñen a súa vivenda en inmobles acollidos á Lei de Propiedade Horizontal e que pretenden realizar obras ou desenvolver outras actuacións para dotar de accesibilidade ao edificio.
Xunto aos requisitos xurídicos e económicos para poder formular obras de accesibilidade, así como o reparto de obrigas entre a comunidade de propietarios e os veciños con discapacidade ou maiores, a guía inclúe unha ampla serie de formularios prácticos para facilitar aos destinatarios o despregue das xestións legais.
Consulta aquí o texto en pdf: Obras y actuaciones de accesibilidad en comunidades de propietarios 2013.