A taxa de pobreza extrema nas mulleres con discapacidade triplica a xeral

Agustín Huete, sociólogo.

Agustín Huete, sociólogo autor do estudo.

É unha das conclusións do estudo ‘Pobreza e Exclusión das mulleres con discapacidade en España’, do sociólogo Agustín Huete, que foi promovido polo CERMI e que supón unha ferramenta fundamental para defender argumentos, para cambiar a tendencia á discriminación e o lastre dunha cultura e unha sociedade que resta oportunidades a un sector en permanente risco e exclusión.

Información extraída do boletín cermi.es semanal.

Segundo o autor do estudo ‘Pobreza e Exclusión social das mulleres con discapacidad en España’, Agustín Huete, “as mulleres con discapacidade aparecen como un colectivo especialmente afectado pola pobreza extrema, cunha taxa que triplica a do resto da poboación”. En definitiva, ao redor de 300.000 mulleres con discapacidade viven en situación de pobreza extrema, “a pobreza afecta de xeito moi claro ás mulleres con discapacidade na súa peor versión posible xa que a poboación con discapacidade ten un risco de pobreza relativa alto, toda en xeral, pero hai certos colectivos, como as mulleres e os maiores, que teñen un risco altísimo de pobreza extrema”, explica Huete.

Con todo, para este sociólogo os fenómenos sociais asócianse e hai que buscar o xeito de que esas asociacións desaparezan: “se queremos reducir a pobreza das mulleres con discapacidade, como a de calquera outro colectivo, necesitamos medidas específicas, pensadas para ese colectivo, que vaian ao núcleo das necesidades”.

Factores precipitantes e cultura

Aínda que a pobreza en si provoca exclusión social, existen outros factores que se suman á pobreza ou mesmo a desencadean. A exclusión social é moito máis que pobreza económica xa que entran en xogo unha chea de dimensións: “Nada é puramente individual, todo o que nos ocorre sucede nun contexto social, e a pobreza tamén. Hai factores precipitantes desa pobreza, como son a situación de emprego, o nivel de estudos, a percepción de prestacións, as relacións sociais, a calidade e cantidade de relacións sociais. No informe móstrase como moitas mulleres con discapacidade, sobre todo as de maior idade, practicamente non teñen oportunidades para establecer relacións afectivas (un terzo recoñece non ter oportunidades para facer novos amigos e un 15% di non ter amigos), vínculos, amizades… isto é grave e, conforme o envellecemento avanza, máis grave aínda”, afirma o autor do estudo, que insiste na idea asegurando que “os vínculos dannos unha riqueza social que nos protexe do illamento e da pobreza”.

A xuízo do sociólogo, “a discapacidade non é un fenómeno individual, é social, e hai que promocionar o cambio cultural, igual que co paso do tempo todos habemos ir entendendo que excluír ás mulleres polo feito de selo non ten unha razón de ser lóxica e é moralmente rexeitable”. Neste sentido, a clave está na visibilización, e na información, en dar pasos para concienciar: “Estamos falando dunha sociedade, que son moitas persoas, e cada unha cos seus intereses, cos seus afectos, coas súas limitacións, as súas expectativas, e non podemos pensar que nós desde os nosos traballos imos poder transformar iso dun xeito completo; fai máis de 150 anos que as primeiras mulleres se encadenaban nos parlamentos para poder votar e aínda hai países nos que as mulleres non votan. Hai que dar pasos, ir cara a adiante, e hai que apoiar aos máis radicais, porque os movementos sociais prodúcense con impulsos radicais. Se hai un millón e medio de persoas en situación de pobreza, hainas, e xa está, e si está demostrado que a pobreza non cambia co crecemento económico dunha sociedade se non te dedicas especificamente a sacar a esa xente da pobreza, iso hai que dicilo”.

No caso da discapacidade, como en calquera outro, o que se pon en xogo son expectativas, as expectativas que a familia ten cara ao teu futuro como persoa, se poderás traballar ou non, ter parella, saír da casa… “É unha cuestión de relacións sociais e culturais, polo tanto, só é posible precipitar o cambio, a transformación destes fenómenos con cambios culturais e son cambios lentos e se promocionan impulsándoos, sensibilizando, informando”, sentenza Huete.

Muller, cifras e estatísticas

No caso das mulleres con discapacidade hai dous fenómenos que xogan en contra, o xénero e a discapacidade. Nos homes con discapacidade, con todo, a condición masculina, na nosa sociedade, sempre supón unha vantaxe. “Por iso defendemos a transversalidade”, asegura o experto. Por exemplo, as taxas de actividade das mulleres con discapacidade son moi baixas, pero iso débese a unha cuestión de xénero, non de discapacidade: “É unha cuestión cultural nosa, as mulleres no noso país participan menos da actividade laboral, evidentemente por unha cuestión de discriminación de xénero que algúns argumentarán como unha tradición, polo benestar da familia, os nenos…”

E así o asegura tamén a directora executiva do CERMI, Pilar Villarino: “hai moitas mulleres con discapacidade que son coidadoras informais, sobre todo no caso da discapacidade intelectual, estas mulleres a miúdo están dedicadas a coidar a algún familiar dependente, e esa é unha das causas da invisibilidade da muller con discapacidade”.

Esa invisibilidade comeza en anos temperáns, no acceso á educación, tal e como explica Agustín Huete: “As mulleres con discapacidade intelectual teñen taxas de actividade menores, pensións menores, menos relacións, menos oportunidades, menos estudos… pero incluso as persoas con discapacidade que non teñen dificultade para estudar, sempre teñen menor nivel de estudos, e iso non se pode explicar doutro xeito que non sexa porque o sistema de ensino rexéitaos ou porque a súa familia ten unhas expectativas menores ou porque eles mesmos teñen unhas expectativas menores das súas capacidades. A taxa de abandono en secundaria é un tema alucinante, e non sabemos onde van, porque desaparecen das cifras, e aí hai unha cuestión social moi importante”.

“Non tes que ir ao terceiro mundo -asegura Villarino- para ver como a moitas nenas as separan dos estudos para casalas ou para traballar, aquí nos países desenvolvidos hai unha taxa de abandono, en gran parte porque hai moitas mulleres novas que ás que destinan a coidar a persoas dependentes ou que ao non poder atendelas debidamente nas escolas, abandonan a educación… non está documentado pero é unha realidade”.

Xorde de novo o eterno problema da invisibilidade, algo que se fai patente nos estudos, estatísticas e rexistros. A configuración das estatísticas exclúe ás persoas con discapacidade, non existe a variable de discapacidade, non son visibles, de novo.

As cifras e os datos dannos ferramentas para defender argumentos, de aí a importancia deste estudo e a razón de ser do mesmo, como explica a directora do CERMI: “Este estudo é un paso máis cara a esa necesaria visibilización das mulleres con discapacidade que están claramente nunha situación de vulnerabilidade pola súa maior exclusión respecto dos homes con discapacidade e respecto do resto de mulleres. O feito de que se poida demostrar con datos a clara relación entre pobreza e exclusión social das mulleres con discapacidade é vital para intentar visibilizar, e iso é fundamental, cantas máis mulleres se vexan en todos os ámbitos da vida social, é o que axudará a consideralas como calquera outra persoa”.

O estudo, promovido polo CERMI, destaca que en España residen máis dun millón e medio de persoas con discapacidade en risco de pobreza, das que case medio millón atópanse en situación de pobreza extrema, é dicir, reciben ingresos anuais inferiores a 3.900 euros (segundo datos de 2008).

Agustín Huete sinalou que máis de 600.000 persoas con discapacidade viven soas nos seus fogares e isto, incidiu, evidencia unha “clara” situación de desvantaxe para as mulleres, xa que “máis do 40% destas viven en fogares nos que se ingresan menos de 500 euros ao mes, é dicir, fogares en situación de pobreza”.

Ademais, tamén alertou que a discriminación por xénero en canto a salarios “é moi evidente” para todas as mulleres. “As mulleres con discapacidade cobran como termo medio salarios lixeiramente inferiores ás mulleres sen discapacidade, pero sensiblemente inferiores aos varóns”, engadiu.

Outra das denuncias que expuxo é que as mulleres con discapacidade intelectual “son o grupo máis afectado pola escaseza de ingresos, oportunidades laborais e acceso a prestacións” e o “máis esquecido”.

Propostas e apostas

O autor do estudo propón no seu traballo unha serie de accións encamiñadas a reducir a pobreza e a exclusión das mulleres con discapacidade, destacando en primeiro lugar a importancia do cumprimento da Convención da ONU: “A convención é especialmente sensible á promoción dos dereitos das mulleres con discapacidade, e hai que ser especialmente coidadosos no seguimento do cumprimento da Convención no que respecta a mulleres e nenas e creo que iso é algo que se está facendo”.

Ademais, resulta primordial fortalecer a inclusión laboral a través de medidas específicas; atender a situación de mulleres maiores con discapacidade que presentan xeralmente situacións de extrema pobreza; ou promover o empoderamento, especialmente no acceso a espazos de participación cidadá. Neste sentido asegura: “O empoderamento hai que crelo. Hai que empezar a animar a que as entidades que prestan apoio ás persoas con discapacidade atendan tamén a cuestión de xénero. Se lle fas ver isto a unha entidade, vas provocar polo menos un debate na propia asociación e así é como se produce o cambio cultural”.

Nesta liña eloxiou o labor do CERMI ao elaborar o II Plan de Acción de Mulleres con Discapacidade 2013-2016, “que ten medidas moi interesantes respecto diso”, e apuntou a necesidade de realizar unha avaliación dos plans executados, “porque se non, non serven de moito”.

Finalmente, enumerou outra serie de propostas tamén necesarias, como a de realizar estudos específicos sobre pobreza e exclusión de mulleres con discapacidade en diferentes contextos; promover a renovación e actualización das fontes estatísticas sobre discapacidade; e considerar a discapacidade naquelas fontes estatísticas relacionadas coa medición da calidade de vida e/ou exclusión social.

Pola súa banda, Pilar Villarino apunta a necesidade de realizar tamén estudos que aborden outros aspectos: “tamén habería que facer un estudo sobre como está afectando a crise ás mulleres con discapacidade porque nalgúns partidos políticos analizan como afecta a crise ás mulleres agora, e sería importante incluír a variable da discapacidade porque seguramente os datos son estremecedores”.

E é que, tal e como asegura Agustín Huete, “coas crises como as actuais, a poboación que se achega ao risco de pobreza é maior, sempre crece. A redución de apoios leva aparellada a redución de oportunidades”.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s