O II Foro de Familias de Persoas reúne máis de cen inscricións

Cartel - II Foro

Celébrase mañá na Facultade de Psicoloxía da USC, en Santiago de Compostela.

‘As familias de persoas con dano cerebral adquirido: soporte e acción’ é o lema que protagoniza o II Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral Adquirido. A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) organiza este encontro para contar cun foro de debate, posta en común e axuda mutua das familias de persoas con dano cerebral adquirido organizadas en torno ás súas asociacións. Está confirmada a asistencia de máis de cen familiares de persoas con dano cerebral para participaren nas actividades deste foro.

O II Foro de Familias comeza mañá ás dez da mañá na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Faise neste mes coincidindo coa conmemoración do Día do Dano Cerebral -o 26 de outubro-. A principal novidade deste encontro é a entrega do I Premio FEGADACE ao programa da Radio Galega Convivir en Igualdade. Fará entrega do mesmo o psicólogo clínico do CHUS e colaborador da Federación Miguel Anxo García, e recólleno Clara de Sáa, condutora do programa, e Gloria Ferreiro, xefa de programas da Radio Galega.

O programa do Foro está plenamente consagrado ao lema que o preside, e conta con dous bloques principais: as conferencias e o traballo en grupo. O director-xerente da Federación Española de Daño Cerebral, Valeriano Díaz, falará na quenda de mañá sobre ‘O papel reivindicativo das asociacións’. Na tarde, a traballadora social de COGAMI Ángela Lavandeira fará un repaso sobre ‘A lei de dependencia. Cara onde imos’, para achegar ás familias as novidades dunha das súas principais fontes de compensación económica de que dispoñen ante a irrupción da discapacidade nas súas vidas.

As familias terán tamén protagonismo nunha mesa redonda, tamén na mañá, titulada ‘Falan as familias’, na que membros de Renacer, ADACE e Alento expoñerán a súa relación co seu familiar con dano cerebral desde os puntos de vista de diferentes parentescos. A continuación ‘Falan as persoas con dano cerebral adquirido’, presentando un abano de propostas que faciliten a comprensión da súa situación por parte dos seus familiares e coidadores.

Os grupos de traballo recuperan o papel de “soporte e acción” das familias de persoas con dano cerebral para tratar temas como o autocoidado, tanto físico como psicolóxico, o seu papel e posibilidades no asociacionismo, e o reforzo da autonomía persoal da persoa con discapacidade.

Deixar un comentario