A Xunta desmantela o servizo 065 de transporte para discapacitados

Un usuario do servizo de transporte 065 é subido a un vehículo especial en Ourense.

Un usuario do servizo de transporte 065 é subido a un vehículo especial en Ourense.

Benestar defende a medida, que introduce o copago, para “racionalizar” a xestión.

Información extraída de El País.

Acábase tamén o 065 (o Servizo Galego de Apoio á Movilidade Persoal). A Consellería de Benestar atopa caro este transporte público que ata agora garantía os desprazamentos programados (non urxentes) das persoas en situación de dependencia, discapacidade ou con problemas de mobilidade. Isto é, que a Xunta deixará de subvencionar o traslado diario ou semanal dos dependentes aos centros asistenciais nos que reciben terapias de rehabilitación encamiñadas á súa inserción e manterá o servizo só para casos puntuais, como ir ao médico. Na práctica supoñerá, segundo denuncian xa varias asociacións, que os usuarios terán que renunciar aos seus tratamentos. O borrador de decreto cuxos detalles negocia a consellería coas organizacións de afectados non só introduce o desmantelamento do servizo -o transporte adaptado deixa de ser regular e queda limitado a desprazamentos puntuais- senón que, coas condicións que marca, establece desigualdades económicas entre as propias organizacións de dependentes: favorece ás máis fortes.

A Consellería de Benestar apela, no borrador do decreto, a “os novos e necesarios escenarios de racionalización e eficacia na xestión” para concluír que é imprescindible unha nova regulación da lei de apoio aos dependentes. E nesta nova regulación á baixa pon un tope de subvención de 10 viaxes ao mes (ida e volta contan como dúas) por usuario para utilizar o 065 neses únicos casos concretos aos que agora o cingue. Coa intención de compensar este recorte, introduce unha nova medida que retorce aínda máis a situación: o copago do servizo. As asociacións recibirán nove euros por usuario do transporte. Oito deles aportaraos Benestar e o euro restante, o usuario. Este plus compensatorio converteuse xa nun atranco nas negociacións. As asociacións de discapacitados máis pequenas expresan o seu rexeitamento alertando de que a asignación do 065 é un dereito individual pero, desta forma, os oito euros supoñen un agasallo para as entidades que teñen servizo de transporte propio mentres que xeran un gran hándicap para as que, tendo prazas concertadas, non dispoñen del.

A Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace), que coordina a cinco asociacións ás que están adscritas 1.436 persoas (300, usuarias dos servizos terapéuticos), expresa a súa “profunda preocupación e incerteza” sobre o futuro dos seus usuarios con este decreto. Dos 300 socios que acoden a rehabilitación aos cinco centros, 84 utilizan o 065. A retirada do servizo supoñerá para eles “renunciar á terapia, o que lles provocará un empeoramento do dano cerebral”, sosteñen desde Fegadace.

Os 84 transportados que acoden aos centros que coordina esta federación van unha media de catro días por semana e 31 deses usuarios desprázanse fóra dos seus municipios (de Ponteareas, Gondomar ou Porriño a Vigo; de Muros ou Arzúa a Santiago; de Carballo á Coruña; de Guntín a Lugo e da Gudiña a Ourense, a máis de 100 quilómetros).

Pero non só é a distancia. Nin sequera no caso de que as súas familias puidesen costearse transportes continuos en taxis estaría resolto o problema que suscita a supresión do servizo dado que practicamente o 100% dos discapacitados necesitan vehículos adaptados, ademais de acompañantes no caso dos que teñen dano cerebral. “A alternativa do transporte público é inviable para eles”, sosteñen, alarmados, os representantes de Fegadace.

De momento, a proposta de Benestar pasa por obrigar ás asociacións a asumir o transporte, incluída organización, programación, soldos de empregados, seguros e demais gastos. Pero a non todos lles parece mal. A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami, a entidade máis representativa dos discapacitados físicos e orgánicos: aglutina a 53 asociacións) apoia a proposta da Xunta, aínda que con matices. “Levar a unha persoa a diario sete horas a un centro de día bloquea o servizo”, sostén esta confederación que está de acordo coa formulación da Xunta de que os centros se desvinculen do 065 e contraten cada un o seu transporte.

Cogami recoñece que a subvención dos oito euros que propón Benestar “é moi positiva” para as asociacións que teñen o seu propio transporte (son beneficios extra) e para evitar que supoña un prexuízo para as que non dispoñen deste servizo, propón que a Xunta cubra o sobrecusto “ata que se normalice a situación”; isto é, ata que as asociacións consigan “máis usuarios que as financien”, considerando que, cantas máis prazas, máis ingresos.

A controversia maior xérase no caso dos usuarios das zonas rurais, os máis prexudicados. Cogami cre que é necesario atopar “un punto intermedio” entre “o inviable que resulta ter a disposición dun par de persoas o 065 para levalas aos centros de discapacidade” e que teñan estes usuarios que afrontar o elevado custo económico -algo practicamente imposible- que lles supoñería pagalo do seu peto. A solución que esta confederación propón pasa por traballar de xeito “racional”: facendo rutas coordinadas para levar a dependentes dunha mesma comarca e de distintas discapacidades aos seus centros.

O punto de vista de Cogami é especialmente relevante dado que o subscribe tamén Cermi (o Comité de entidades representantes de persoas con discapacidade), que aglutina ao 90% das asociacións de discapacitados de Galicia: ambos teñen o mesmo presidente, Anxo Queiruga.

Benestar continúa coas consultas (“que non nos resolven nada”, sosteñen as pequenas asociacións) para desmantelar o servizo. En decembro de 2012 recoñecía unha poboación con discapacidade de 224.127 persoas das que a metade tiñan menos de 65 anos. Na web da consellería aínda se pode ler o seu compromiso de traballo encamiñado a “procurar a participación plena na sociedade” das persoas con discapacidad “a través dunha política comprometida coa accesibilidade”, e o obxectivo de garantir o acceso, con “igualdade efectiva”, dos dependentes aos servizos esenciais, “favorecendo así a súa comunicación e participación na súa contorna habitual”.

“Non hai saída”

“Algo tan sinxelo como ir da túa casa á parada do bus, subir a el e baixar para chegar a un centro de día é algo impensable para as persoas con dano cerebral”. Noelia Luque, directora e traballadora social da asociación de dano cerebral adquirido Renacer, de Ourense, explica así “o drama” que supoñerá o desmantelamento do 065. A este centro ourensano acoden semanalmente a terapia 45 persoas con dano cerebral das que nove utilizan este transporte. Entre elas, un home que acode desde A Gudiña, a 100 quilómetros. Ía tres días á semana pero renunciou a un deles porque a súa muller non pode acompañalo por razóns laborais. “Se tivese que costearse o transporte, non tería máis remedio que abandonar a terapia”, sostén Luque, que aínda non pode comprender como a Xunta pasou de manter a gratuidade total deste servizo á súa supresión “sen un paso intermedio”.

Pero aínda que o decreto aboca aos usuarios do rural á renuncia, a situación non difire moito para os discapacitados, polo menos os cerebrais, que viven preto dos centros de día. A directora de Renacer cre que se Benestar non rectifica, o novo decreto supoñerá o carpetazo para un gran número de usuarios. “Non hai saída”, sostén.

Ao seu centro acode unha muller que vive preto da asociación “pero non pode chegar por si mesma”. Un traxecto que a calquera lle levaría 10 minutos “supón un par de horas para ela e, aínda no caso de que non se desorientara, se chove, xa nada”. O carpetazo é para os discapacitados e para as súas familias: “As horas que pasan aquí os usuarios son o único tempo libre do que dispoñen os seus familiares-coidadores”.

Luque é moi pesimista sobre o cambio que se aveciña. Os usuarios non poden pagar outro transporte “que nin sequera está adaptado ás súas necesidades”, e para a súa ONG “é practicamente imposible asumir os custos”.

En Renacer traballan cinco persoas, cada unha nunha área distinta (fisioterapia, terapia ocupacional, logopedia, neuropsicoloxía e traballo social) e a directora asegura que se tivesen que financiar o transporte terían que prescindir dun emprego. De momento non hai ningunha solución. A consellería pide datos ás asociacións mentres promete buscar fórmulas para manter a cobertura “pero non concreta nada”. Luque non ve a saída.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s