‘O experto responde’ resolveu 16 dúbidas sobre o ictus

escola
O pasado día 2 de decembro a Escola Galega de Saúde para Cidadáns dedicaba ao ictus o ‘Foro: O experto responde’. A terapeuta ocupacional de Sarela, Ana Ruiz, e o xefe da Unidade de Ictus do Hospital Clínico de Santiago, Miguel Blanco, foron os encargados de responder ás preguntas que a cidadanía lles fixo chegar a través do chat. As respostas pódense ler a continuación.

Información extraída da páxina web da Escola Galega de Saúde para Cidadáns.

Pregunta 1: En que me pode beneficiar estar asociada a unha Asociación de Dano Cerebral? Que me pode ofrecer?
Resposta: En primeiro lugar, ofrecémoslle un espazo onde coñecer outras persoas que sufriron un ictus e a familiares, participar en programas que a asociación desenvolve, servizo de rehabilitación, actividades no entorno comunitario… Tamén reciben información actualizada con temas relacionadas co ictus. Ofrecemos soporte para axudas de carácter social (lei de dependencia, etc.).

Pregunta 2: O estrés pode influír nun ictus?
Resposta: Principalmente non. A xente cun alto nivel de estrés ten máis facilidade para desenvolver hipertensión arterial, que é o principal factor de risco de enfermidade cerebrovascular. Sen embargo, non hai unha relación directa entre sufrir un episodio de estrés e ter un ictus.

Pregunta 3: Boas tardes. A miña nai está diagnosticada de fibrilación auricular. Ten marcapasos e toma sintrom. Que risco ten de padecer un ictus?
Resposta: O risco de ter un ictus en pacientes con fibrilación auricular vai depender do grao de anticoagulación. Naqueles pacientes que tomen Sintrom e manteñan un INR entre 2-3, o risco de sufrir un ictus é case similar ao da poboación xeral. O problema é que manter o INR nun rango adecuado esixe numerosas consultas ao centro de saúde, evitar algúns alimentos e levar unha pauta moi ordenada da medicación.

Pregunta 4: Cantas asociacións compoñen a Federación Galega de Dano Cerebral? Con cantos socios conta?
Resposta: Está constituída por 5 asociacións de dano cerebral adquirido de Galicia: ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. Hai más de 1.800 persoas asociadas, das que 900 teñen dano cerebral adquirido. Atendemos directamente a máis de 300. Para máis información, consulte a páxina web: www.fegadace.org.

Pregunta 5: Que persoas están máis predispuestas a sufrir un ictus?
Resposta: O ictus pode afectar a calquera persoa. Con todo, o grupo de risco máis frecuente é o formado por hipertensos, diabéticos, dislipémicos (colesterol alto). Tamén son un grupo de alto risco aqueles que padecen fibrilación auricular (moi frecuente en mulleres maiores de 80 anos).

Pregunta 6: Hai algunha maneira de previr o ictus ou, cando menos, de axudar a evitalo?
Resposta: En primeiro lugar, debemos identificar os factores de risco que ten o doente: en pacientes con hipertensión arterial e diabete, a mellor forma de previlo é un bo control da tensión arterial e as cifras de glicemia. Naqueles pacientes con fibrilación auricular, débese previr co uso de anticoagulantes orais. En pacientes con obstrución importante das arterias craniais, en ocasións deberán ser sometidos a cirurxía revascularizadora. Nos pacientes que xa tiveran un ictus e a causa non sexa a fibrilación auricular, sempre se recomendará 100 mg de aspirina.

Pregunta 7: Cales son os problemas cognitivos no ictus?
Resposta: O ictus é a segunda causa de demencia na poboación. Dependendo da localización do ictus, vanse afectar unhas áreas cerebrais ou outras. Por exemplo, os pacientes con afectación do hemisferio esquerdo van sufrir trastornos da linguaxe, que lle van a impedir a comprensión, a expresión ou ambas. Pacientes con afectación do hemisferio cerebral dereito van ter dificultada para recoñecer a súa contorna, a súa propia enfermidade, e dificultade para realizar tarefas que realizaban previamente (coser, debuxar, construír, etc.). Outros pacientes con afectación da parte anterior do cerebro van ter dificultade para controlar os seus impulsos, tomar decisións, planificar, podendo interferir na súa vida diaria. Independentemente da zona cerebral afectada, poden aparecer problemas de memoria e de atención.

Pregunta 8: Como podo saber que me está a dar un ictus?
Resposta: O ictus aparece de forma súbita producindo una disfunción dalgunha parte do cerebro. O máis habitual é que se manifeste como unha perda de forza nun lado do corpo, unha perda de sensibilidade, alteración da linguaxe, unha alteración da visión ou unha dificultade para a coordinación dos movementos. Algúns tipos de ictus, como os hemorráxicos, poden asociar unha importante dor de cabeza.

Pregunta 9: Hoxe fai un mes que o meu marido sufriu un derrame cerebral, realmente non se se é o mesmo que un ictus… Non chegaron a dicirmo claramente. El non tivo secuelas físicas, e con todo foi derivado a rehabilitación física a Conxo. En cambio, as súass secuelas agora mesmo son unha alteración bastante importante na memoria a curto prazo, e para isto ninguén nos está axudando, por que? Que podemos facer?
Resposta: A hemorraxia cerebral é un dos dous grandes tipos de ictus. Como dixemos nunha resposta anterior, moitas das secuelas van ser de tipo cognitivo. A rehabilitación destes pacientes é tan importante como a rehabilitación motora. Con todo, no noso sistema de saúde, non está contemplado este tipo de rehabilitación. As numerosas asociacións de dano cerebral intentan suplir esta carencia con neuropsicólogos e terapeutas ocupacionais.

Pregunta 10: Canto se pode recuperar tralo derrame cerebral? Pódese chegar a estar como antes de sufrilo?
Resposta: Tras un dano cerebral vaise producir unha perda de funcións. Coa cicatrización e a reparación da lesión cerebral, moitas destas funcións vanse recuperar. No caso de que non se recuperen completamente, outras áreas cerebrais poden contribuír a suplir a función. Este proceso é longo e vese condicionado pola realización de rehabilitación. Xeralmente, antes dos 6 meses da lesión cerebral existen posibilidades de mellora da función. Despois deste tempo a rehabilitación vaise dirixir á adaptación das secuelas que permitan manter a máxima autonomía posible.

Pregunta 11: Infarto cerebral, derrame cerebral e ictus son a mesma cousa?
Resposta: Por ictus entendemos un defecto nunha función cerebral brusco debido a unha causa vascular. Os vasos sanguíneos poden ter dous problemas, ou romper (ictus hemorráxico) ou obstruírse (ictus isquémico). Os ictus hemorráxicos pódense chamar de diferentes formas, derrames, hemorraxias cerebrais. Os ictus isquémicos ás veces son coñecidos como apoplexías, tromboses, embolias. Todos eles son ictus. Na nosa poboación o 80% dos ictus van ser isquémicos e o 20% hemorráxicos.

Pregunta 12: Que aspectos considerades importantes á hora da rehabilitación, que son necesarios traballar a medio e longo prazo?
Resposta: A medio prazo o importante é incidir en recuperar as funcións perdidas. Pasados 6-12 meses a rehabilitación debe centrarse en compensar aquelas funcións que non se lograron recuperar, co fin último de integrarse de novo na sociedade e conseguir o maior grado de independencia.

Pregunta 13: Boas Tardes. Que tipo de intervención se pode levar a cabo desde a terapia ocupacional cunha persoa que tivera un ictus e como consecuencia teña un dano cerebral?
Resposta: O fin da terapia ocupacional é fomentar a autonomía no desenvolvemento das actividades da vida diaria, básicas e instrumentais. Polo tanto, o terapeuta deberá incidir naqueles aspectos que interferen na realización dos mesmos (motores, cognitivos…). Tamén deberá preocuparse de buscar as adaptacións adecuadas que permitan realizar esas actividades sempre que sexa necesario e dar indicacións no domicilio de posibles modificacións que posibiliten ou que favorezan o máximo grao de independencia posible.

Pregunta 14: … ante a resposta número 9, por que non se nos informa diso aos familiares á hora da alta? Nestes casos sentímonos un pouco perdidos e impotentes…
Resposta: Durante a fase de hospitalización, os problemas cognitivos (sobre todos os leves-moderados) son difíciles de identificar. Os pacientes, cando chegan ao seu domicilio e empezan a desenvolver as súas actividades da vida diaria, van percibindo dificultades ou ausencias que antes non tiñan. Por iso, todos os pacientes son revisados aos 3 meses e é nesta consulta onde se lles informa ou se valoran as discapacidades cognitivas que non eran evidentes no momento do alta. Nunha contorna ideal, a todos os pacientes no momento da alta deberíaselles realizar unha avaliación cognitiva ampla. Con todo, na maioría dos centros públicos que traballan con dano cerebral adquirido, esta avaliación non sempre se pode realizar.

Pregunta 15: Boas tardes. Fai uns meses unha filla duns amigos tivo un ictus. A nena ten 11 anos. Cales poden ser as causas deste en idades tan temperás? Que prognóstico pode ter desde o punto de vista rehabilitador? Grazas.
Resposta: O ictus na infancia é moi pouco frencuente. As dúas causas que adoitamos ver no noso medio son a rotura da parede das arterias (diseccións arteriais) ou ben trastornos conxénitos da coagulación que favorecen a aparición de trombos dentro das arterias. Debido á alta plasticidade neuronal e a gran capacidade de neuroreparación cerebral, as lesións cerebrais dos nenos teñen un bo prognóstico cunhas altas taxas de recuperación.

Pregunta 16: Debemos entón esperar eses tres meses para diagnosticar se debemos acudir a unha destas asociacións para empezar coa rehabilitación cognitiva?
Resposta: Non. En canto o paciente ou os seus conviventes detecten un grado de disfunción cognitiva, poden poñerse en contacto con estas asociacións, ou ben pedir a opinión do seu médico. Un beneficio moi importante das asociacións de dano cerebral é a posibilidade de coñecer a outros afectados que pasaron polos mesmos problemas, tiveron as mesmas dúbidas e atoparon solucións que poden servir.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s