CEAPAT: estender e materializar o deseño universal

ceapat

Fronte ao antigo concepto da “eliminación de barreiras”, nos últimos tempos consolidouse a idea da accesibilidade universal. Os cambios experimentados ao longo de moitos anos para lograr esa evolución estiveron promovidos por diferentes actores sociais, políticos e mesmo económicos ou empresariais. Un dos grandes promotores do cambio foi o Ceapat, que en 2014 cumpre 25 anos. A súa loita foi a de estender e materializar o deseño universal e os seus logros atópanse plasmados mesmo en normas e leis de ámbito nacional e internacional.

Reportaxe extraída de cermi.es semanal.

“O Ceapat xorde tomando o modelo doutros centros do norte de Europa e Estados Unidos. No noso país, en servizos sociais, daquela traballábase con logopedas, médicos rehabilitadores e terapeutas ocupacionais, e de súpeto neste centro, no ano 89, entran a traballar arquitectos, enxeñeiros técnicos, enxeñeiros industriais… foi moi revolucionario. Moitos preguntabánse: Que ten que ver isto coa discapacidade no seu sentido máis modelo-médico?”. Así explica os comezos do Ceapat Cristina Rodríguez-Porrero, a súa actual directora.

O Ceapat é un centro dependente do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Foi creado mediante orde ministerial de 7 de abril de 1989 e pasou a formar parte dos Centros de Referencia Estatal (CRE) mediante a Lei 39/2006, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia, na que se establece a creación de centros de referencia estatal.

A súa misión hoxe en día é a mesma que a dos seus inicios, tal e como explica a súa directora: “A concepción do Ceapat non variou moito no seu obxectivo primordial, o que cambiou é a evolución da tecnoloxía e a sociedade da información, que pegou un avance importantísimo nestes temas. A misión do Ceapat é contribuír a facer efectivos os dereitos das persoas con discapacidade e persoas maiores a través de tres vías, que son a accesibilidade universal, o deseño para todos e as tecnoloxías de apoio. Para iso ofrecemos servizos ou apoios de información, asesoramento, investigación e desenvolvemento, demostración, traballo en rede e de documentación especializada”.

Con todo, en todos estes anos, o gran cambio que se viviu no noso país na contorna da accesibilidade universal, no campo de traballo no que se move o Ceapat, foi un cambio social: a concienciación. De feito, a directora deste centro de referencia asegura que un dos grandes fitos do Ceapat, ou ata o máis importante, é “a concienciación de que a accesibilidade é boa para todos. É un dos cambios máis importantes que afectan á importancia da accesibilidade, ao recoñecemento da mesma como un tema que beneficia a todos e que é responsabilidade de todos”.

O concepto de accesibilidade

No ano 1989, cando se crea o Ceapat, apenas se coñecía a palabra “accesibilidade”, asegura Rodríguez-Porrero. Pero xa en 1994 o Ceapat elabora o Manual de Accesibilidade, ferramenta de referencia a nivel nacional, que utiliza o término “accesibilidade” fronte ao de “barreiras arquitectónicas”. No ano 1996 participa na redacción do Concepto Europeo de Accesibilidade, documento que promueve a estratexia do deseño para todos. “Cando publicamos o Concepto Europeo de Accesibilidade, foi a primeira intentona a nivel europeo de falar non de eliminación de barreiras senón de accesibilidade. Foi un proxecto no que participaron moitos centros europeos e co que se iniciou en Europa o concepto de deseño para todos”, explica a directora do Ceapat.

Todo isto tradúcese nun cambio fundamental nos produtos de apoio e as tecnoloxías, no que é o día a día das persoas con discapacidade e os maiores que requiren estes servizos, así como definitivamente en toda a sociedade. “Nos comezos, o concepto de accesibilidade, na parte tecnolóxica referíase ás tecnoloxías de rehabilitación, agora son tecnoloxías de apoio para a vida independente. Por outra banda, cando empezamos falábase de barreiras arquitectónicas e agora é deseño para todos e accesibilidade universal en todos os produtos, contornas ou servizos. Cando empezamos, a eliminación de barreiras era un tema máis ligado aos servizos sociais, e agora é unha obriga para todas as entidades públicas ou privadas”.

Ademais da concienciación, os cambios fundamentais que provocou o Ceapat co seu traballo, e co de moitos outros aliados, están relacionados cun cambio de modelo. “Houbo un cambio de modelo. No aspecto máis social, os produtos de apoio antes estaban prescritos por médicos ou rehabilitadores, e agora en moitas ocasións é a propia persoa a que solicita un produto, hai un empoderamento da persoa, que hoxe en día toma as súas propias decisións. E, no aspecto tecnolóxico, os produtos de apoio antes estaban moito menos relacionados coas tecnoloxías da información e a comunicación, e a maior revolución foi os produtos de apoio e aplicacións relacionados con estas tecnoloxías”, asegura Cristina Rodríguez-Porrero.

O respaldo definitivo ao concepto de accesibilidade e todo o que implica chega no ano 2006 coa aprobación da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade da ONU. O Ceapat formou parte do grupo de expertos que participaron na súa elaboración desta norma, coa que a accesibilidade á contorna física, social, económica e cultural, á saúde, a educación e á información e comunicación é unha condición esixida para que as persoas con discapacidade e persoas maiores poidan gozar plenamente dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais.

Desde as primeiras lexislacións en torno á eliminación de barreiras ata a ratificación da Convención da ONU, producíronse tres cambios fundamentais neste campo: a ampliación do concepto de accesibilidade física, sensorial e cognitiva, para chegar a un concepto de accesibilidade universal; a esixencia da accesibilidade para que os dereitos sexan reais e efectivos e a responsabilidade de todos os axentes públicos e privados para a esixencia da súa posta en marcha.

Feitos e actores

“O CEAPAT tivo un papel difícil, tivo que romper algúns moldes que eran bastante inamovibles, tivo que convencer. Houbo moitas reunións, informes, consultas con expertos estranxeiros, participacións en proxectos europeos… Un labor duro pero con bos resultados”, explica a directora do centro.

Algúns dos factores decisivos para que se produciran avances na accesibilidade no noso país, ademais da lexislación estatal e autonómica, foron os convenios de colaboración: “Coa Fundación ONCE fixéronse moitos plans de accesibilidade en moitas cidades de España e iso contribuíu tamén a un maior coñecemento. Ademais, os convenios de colaboración entre o Imserso, a Fundación ONCE, a Federación de Municipios e Provincias e as comunidades autónomas, deron lugar a un cambio importante que acelerou o proceso” explica a directora do Ceapat.

No transporte os cambios foron radicais. Tal e como se detalla no informe Accesibilidade, deseño e tecnoloxía. 25 anos do Ceapat: “en 1989 non había ningún taxi accesible en España, ningún autobús de piso baixo e ningunha estación de metro ou tren eran accesibles. Hoxe en día, grazas aos Convenios de Colaboración Imserso-Fundación ONCE todas as cidades contan con taxis accesibles”.

“Recordo os primeiros autobuses de piso baixo”, relata Cristina Rodríguez-Porrero, “xurdiron, entre outras cousas, porque o CEAPAT participou na conferencia europea de ministros de transportes e falábase xa moito das vantaxes do transporte accesible e do deseño para todos, e os primeiros autobuses de piso baixo que se utilizaron con motivo das olimpiadas de Barcelona foron unha demostración de que se podía conseguir un transporte moito máis digno e máis seguro e con vantaxes impresionantes para persoas maiores e persoas con discapacidade. Diso pasamos a que a propia lexislación xa nin sequera permite a construción de autobuses dos antigos, obriga a que sexan accesibles”.

En canto á contorna máis próxima, aínda quedan contas pendentes, por exemplo, segue habendo problemas coa habitabilidade das vivendas, algo que recoñece a directora deste centro de referencia: “Estamos elaborando un documento de habitabilidade de vivendas. As vivendas que se constrúen seguen sen estar pensadas coa idea de que a persoa pode envellecer nelas, non están pensadas para a diversidade de situacións, porque facer cambios no deseño custa. Pero o código técnico da edificación supuxo un apoio importantísimo e tamén todas as leis que aseguran a accesibilidade están moi ligadas co tema da sustentabilidade, démonos conta de que facer cousas que logo tes que refacer non é sostenible. O código técnico da edificación, no que colaborou o Ceapat, supuxo unha ferramenta moi importante para todos estes cambios pero é certo que segue habendo persoas que non poden participar activamente na sociedade fundamentalmente porque non poden saír da súa casa. Pero si vemos unha maior concienciación agora, houbo un cambio na mentalidade”.

Se os cambios supuxeron unha revolución nos transportes, a accesibilidade da comunicación evoluíu de tal xeito que resulta ata difícil adaptarse ao seu desenvolvemento, de aí a necesidade de contar de novo con apoios e colaboracións: “O que o Ceapat soubo facer ben é a colaboración público-privada, todo o que son entidades tecnolóxicas, como poden ser Telefónica, Vodafone, Microsoft… con todas colaboramos estreitamente para poder poñernos ao día na rápida evolución que están vivindo estas tecnoloxías. Sempre houbo unha moi, moi boa colaboración”.

A revolución da telefonía móbil e as aplicacións dixitais, permitindo o uso personalizado de diferentes sistemas de comunicación, foi posibles grazas a esa colaboración entre administracións públicas, empresas e asociacións de persoas con discapacidade.

Traballo con futuro

Una das máximas que rexen o Ceapat e todo o seu traballo é a crenza en que a diversidade é unha característica da humanidade. “Todas as persoas diferenciámonos unhas doutras e cambiamos ao longo da vida. A ‘persoa media’ non existe. Deseñar para a diversidade é un imperativo legal, económico, social e empresarial”, segundo se expón no documento dos 25 anos do centro.

E engaden, “un bo deseño capacita e un mal deseño incapacita”. E “para chegar ao deseño non discriminatorio aínda se botan en falta maiores niveis de concienciación sobre os beneficios do deseño inclusivo, fronte aos efectos negativos do deseño excluínte”.

No Ceapat traballan 36 persoas. O equipo interprofesional está composto por técnicos dos campos da arquitectura, enxeñería, psicoloxía, logopedia, terapia ocupacional, documentación, informática, persoal de talleres e de administración, establecéndose en diferentes áreas de traballo. Ademais, ten catro delegacións no noso país e unha en Iberoamérica, e colabora con organismos internacionais, profesionais doutros sectores e organizacións sociais.

É un pequeno equipo para un labor tan intenso, en constante evolución e innovación, por iso é importante ese traballo en rede con outros organismos e entidades. “É moito traballo, pero o Ceapat traballa con todos os axentes que están implicados nestes temas, colabora e acorda con eles e está moi aberto a novas frontes. Non nos contentamos, non nos cruzamos de brazos. Somos un pouco inconformistas porque creemos que o concepto de accesibilidade universal non é fácil de conseguir e que sempre hai novas posibilidades. A accesibilidade é un proceso de mellora continua, sempre hai mellores xeitos de facer algo e as tecnoloxías da información e a comunicación están axudando a personalizar moito estes conceptos”.

O que queda, ademais desa mirada atenta ás novas frontes, é reforzar o continuo labor de concienciación, que segue sendo necesaria, e rematar coa falsa idea do custo. “Unha das cousas que hai que eliminar e este centro loitou moito nese sentido facendo informes, é o tema do custo. É algo que sempre deu moito medo, con todo, ningunha empresa que consiga facer as súas contornas accesibles se arruinou, ao final foi un investimento que compensou con fartura polos beneficios que logo obtivo”, asegura Rodríguez-Porrero.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s