Alta médica, baixa social

Doentes nos corredores de Urxencias do hospital Ramón y Cajal en Madrid.

Doentes nos corredores de Urxencias do hospital Ramón y Cajal en Madrid.

A falta de prazas en centros de media estancia ou residencias bloquea a pacientes nos hospitais.
Os especialistas piden reforzar os coidados intermedios.

Información extraída de El País.

Con 56 anos xa case non pode moverse, apenas fala. Roberto ten alzhéimer e acaba de ser trasladado temporalmente a un centro de longa estancia en Gran Canaria. Antes, pasara sete meses nun hospital de agudos, malia ter a alta médica. A súa filla Carla, de 34 anos, negouse a levalo a casa. Dado o avanzado estado da súa enfermidade, non podía facerse cargo del, nin tampouco afrontar o custo dunha residencia privada. Roberto e Carla son nomes ficticios; o seu caso, non. Como tampouco o dos 390 pacientes que, como sinalou a principios da semana pasada o presidente desta comunidade autónoma, Paulino Rivero, permanecen en hospitais xerais do arquipélago, malia estar dados de alta. Unha situación que non é exclusiva das illas.

“En España non está ben resolta a transición entre os sistemas sanitario e social”, comenta David Casado, do Instituto Catalán de Avaliación de Políticas Públicas, con 15 anos de experiencia na análise da asistencia sociosanitaria. “Este é o gran reto actual do sistema sanitario”, engade Laura Pellisé, directora do Centro de Investigación en Economía e Saúde da Universidade Pompeu Fabra. “Un reto que consiste na adaptación á atención da patoloxía múltiple e aos pacientes crónicos; pasar do sistema actual a outro con continuidade entre o sanitario e o social. É un proceso lento e un desafío de alcance mundial”, engade.

Os hospitais estanse convertendo en espazos cada vez máis tecnificados orientados cara á rápida rotación de pacientes, e é aquí, no aumento da actividade, onde se centran os esforzos. Pero, en ocasións, cando chega o momento da alta, a continuidade dos coidados non está garantida: non hai camas de media estancia ou residencias. É entón cando os especialistas falan de alta sanitaria e baixa social, como apunta Eduardo Zafra, autor de distintos estudos sobre a materia: “É xente cuxas condicións sociais non fan posible sacalos do hospital”.

O paciente segue no hospital, rodeado dunha tecnoloxía que non necesita e sen recibir a atención sanitaria de baixa ou media intensidade ou os coidados sociais que require. Ante a falta de alternativas, a hospitalización alárgase innecesariamente, o que repercute non só no paciente. Aumenta o gasto -unha cama de coidados intermedios costa ata seis veces menos que de atención aguda- e interférese a actividade programada. A máis camas bloqueadas, menor actividade e maior lista de espera.

Non é fácil determinar a magnitude do problema en España. Á marxe da información ofrecida por Rivero, non hai datos oficiais públicos, como admite o Ministerio de Sanidade. Algo moi distinto ao que sucede en países con maior tradición de transparencia como Inglaterra. A sanidade pública británica (National Health Service) ofrece datos sobre bed blocking (camas bloqueadas) na súa páxina web. Os rexistros mostran que os datos actuais son os máis altos dos últimos tres anos. En novembro, había 4.190 pacientes co alta médica que seguían ingresados en Inglaterra (Gales e Escocia contabilizan os datos á marxe) debido, fundamentalmente, a atrasos á hora de avaliar aos pacientes e por falta de prazas en xeriátricos.

En España, la Fundación Edad & Vida (integrada por aseguradoras sanitarias e empresas de residencias de maiores) eleva a 5.238 as camas de hospitais de agudos ocupadas por pacientes con perfil sociosanitario, “cun custo de 1.500 millóns de euros ao Sistema Nacional de Saúde”.

Os especialistas consultados destacan dous factores crave no bloqueo de camas en España. Por unha banda, a falta de camas de coidados intermedios (media e longa estancia). Segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade, de 2011, por cada 10 camas públicas en hospitais de agudos hai unha en centros de media e longa estancia, o recurso máis indicado para pasar unha longa convalecencia ou un proceso de rehabilitación. “Hai poucas e ao final o hospital de agudos fai esta función”, sinala Agustina Hervás, xefa da unidade de traballo social do hospital Virgen del Rocío de Sevilla.

O outro gran colo de botella é o atasco que sofre o sistema de dependencia. A lista de espera para acceder aos servizos sociais que contempla a lei (residencias, centros de día, axuda domiciliaria) alcanza a 190.000 beneficiarios que teñen dereito ás prestacións, pero que aínda non as reciben.

As necesidades que suscitan os pacientes crónicos e dependentes son consecuencia do éxito no manexo da enfermidade. Co incremento da expectativa de vida aumentaron as patoloxías crónicas (a prevalencia da diabetes pasou en 10 anos do 7% ao 17% en maiores de 75 anos), solápanse as enfermidades (máis dun 25% de maiores de 45 anos teñen máis dunha patoloxía crónica), increméntase o número de enfermos de idade avanzada e de dependentes. E non hai que esquecer que coa enfermidade agrávase a dependencia e viceversa.

Ante este escenario, os hospitais están desenvolvendo estratexias para evitar o bloqueo de camas, como apunta Bernardo Valdivieso, responsable de planificación do hospital La Fe de Valencia. Por exemplo, co control de pacientes crónicos con risco de desestabilizarse, para reducir visitas a urxencias que acaben en ingresos. Tamén se traballa na xestión das saídas do hospital. Nos grandes centros hai equipos que comezan a planificar a alta no mesmo momento do ingreso, de forma que se se prevé que será necesaria algún tipo de asistencia social trabállase desde o principio para ter un recurso listo. Ou, por exemplo, potenciando a hospitalización a domicilio.

Pero a adaptación ás necesidades que suscita o (non tan) novo perfil de paciente cronificado e pluripatolóxico non se resolven só desde o ámbito hospitalario. Nin sequera desde o estrictamente sanitario. “Debe haber unha maior continuidade de coidados, e para iso débense reorganizar as Administracións tanto sanitaria como social, conseguir unha reasignación de roles tanto en atención primaria como en especializada e nos servizos sociais que desemboque na integración dos espazos sanitario e social”, apunta Laura Pellisé.

Ata o momento, os maiores esforzos neste sentido tiveron lugar “especialmente en Cataluña e País Vasco”, engade. Pero as experiencias realizadas foron moi heteroxéneas, non só entre as autonomías, senón con servizos moi distintos entre áreas de saúde, hospitais e municipios dunha mesma rexión.

A raíz das declaracións de Rivero, o Ministerio de Sanidade e Servizos Sociais recordou que está traballando nun plan de integración da asistencia sociosanitaria “co obxectivo de atender de forma integral a saúde das persoas”. Estes traballos ségueos moi de cerca a patronal de residencias de maiores, con máis de 50.000 prazas baleiras, que xa ofreceu os seus centros para liberar camas de agudos. “Entre o 50% e o 60% das nosas instalacións son adaptables para atender a estes pacientes”, sostén Alberto Echevarría, responsable da Federación de Empresarios da Dependencia.

Mentres tanto, Roberto segue á espera dunha solución definitiva. “Se todo vai ben, en 12 meses o meu pai terá unha praza definitiva nun centro sociosanitario público”, comenta a súa filla Carla. Fai xa tres anos que comezou os trámites para conseguila.

Máis doentes crónicos e máis envellecidos

  • Canarias é unha autonomía especialmente infradotada de recursos de coidados intermedios. Das 7.663 camas de hospital que ten, 200 son de media e longa estancia. Ademais, é a comunidade con menor porcentaxe de poboación atendida pola dependencia: 0,54% fronte á media estatal do 1,6%.
  • España é, con 31,1 camas de longa estancia por 1.000 habitantes, o terceiro país pola cola neste tipo de recurso asistencial na OCDE. Só van detrás Italia (17,5) e Polonia (19,8). A media é de 49,5.
  • O 20% dos pacientes crónicos que ingresan nos hospitais de agudos poderían ser atendidos en centros de media e longa estancia, cun custo por cama de ata seis veces menos.
  • Entre o 70% e o 75% do gasto sanitario está relaciondo coas enfermidades crónicas.
  • En España, segundo a Enquisa Europea de Saúde (EES) 2009, o 45,6% da poboación maior de 16 anos padece polo menos un proceso crónico e o 22% da poboación, dúas ou máis.
  • As enfermidades crónicas son a causa do 80% das consultas de atención primaria.
  • A idade media de hospitalización no Sistema Nacional de Saúde, en 2010, foi de 53,9 anos, case catro máis que os datos de 2010. Excluíndo as altas tralo parto, o grupo de idade de 75 e máis anos é o máis numeroso.
Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s