Radiografía da mortalidade

Cadro INE: Número de defuncións segundo as causas de morte máis frecuentes.

Cadro INE: Número de defuncións segundo as causas de morte máis frecuentes.

As doenzas cerebrovasculares -é dicir, os ictus- sitúanse como a segunda causa de morte; sendo a primeira no caso das mulleres.

Seguen descendendo as defuncións por accidentes de tráfico.

Galicia ten unha das taxas brutas de falecementos máis elevadas.

Análise extraída de El País. Os datos do Instituto Nacional de Estadísitica están nesta ligazón: Defuncións segundo a causa de morte; e a súa nota de prensa interpretándoos nesta outra: Nota de prensa INE.

O ano 2010 pode converterse nun punto de inflexión do sistema sanitario español. Polo menos, iso parece se se mide a sanidade do país polo seu indicador máis definitivo: os falecementos. Ou, por buscar unha medida estatisticamente mellor, polo cambio na tendencia da taxa de mortalidade, que se mide como o número de defuncións por cada 100.000 habitantes. Os datos que acaba de facer públicos o Instituto Nacional de Estatística son claros. Entre 2002 e 2010, o número total de defuncións no país mantívose ao redor de 380.000. Como nese tempo a poboación pasou de 41,8 a 47 millóns, segundo os datos do padrón, iso fixo que a taxa de mortalidade pasase de 892 por 100.000 habitantes en 2002 a 829 en 2010. Pero, aí, a tendencia á baixa trúncase. En 2011, subiu a 841. E en 2012, chegou a 862. Este ano, último con datos, superouse o número das 400.000 mortes nun ano. Foron exactamente 402.950. Unha subida do 5,4% en dous anos.

Que a máis poboación haxa máis falecementos podería parecer lóxico. Pero non é o que pasou -sempre en liñas xerais, porque as variacións van neste asunto facendo dentes de serra- durante a década que vai de 2001 a 2011. A proxección dos datos mostra que nese periodo as melloras na atención sanitaria conseguiran romper esa asociación entre idade e morte. Ata que, de súpeto, esa tendencia rompeu. Sen que haxa unha explicación exterior clara (nin unha epidemia, nin unha ola de calor, nin unha gripe especialmente preocupante).

“Que hai un cambio é claro. Iso non é unha opinión, son datos”, afirma convencido o presidente da Sociedade Española de Epidemioloxía, Fernando García Benavides. “O que hai que saber son as causas e ver o que dura”.

Se ver os datos é relativamente sinxelo (o groso ofréceo o INE a partir dos registros civís e do que poñen os médicos nos certificados de defunción, polo que tarda máis dun ano en dar os resultados), darlle unha explicación non é unha tarefa tan fácil.

A primeira explicación de Ildefonso Hernández, ex director xeral de Saúde Pública e membro da Sociedade Española de Epidemioloxía, é que isto se debe ao paulatino e crecente envellecemento da poboación. Os españois viven máis de media, pero desde o comezo da crise o cambio da pirámide poboacional acentuouse pola saída de estranxeiros, un grupo de poboación máis nova e que adoita ter máis pícaros. “Para ter as respostas exactas ao aumento dos últimos anos habería que ter as taxas corrixidas por idade”, indica Hernández. Nunha primeira análise, o epidemiólogo afirma que os datos “débennos preocupar”. Cando se desgranan máis os números e se bucea no detalle, “vese que a mortalidade infantil segue baixando, e iso é bo. Pero, en cambio, a esperanza de vida diminúe en case todas as comunidades para as mulleres. Iso só pasou, tamén de forma moi leve, en 2005, pero hai que estudalo”, di Hernández.

“Co envellecemento actual vai ser moi difícil que sigamos aumentando a esperanza de vida como faciamos ata agora”, engade José Ramón González-Juanatey, presidente da Sociedade Española de Cardioloxía (SEC), en referencia a que hai límites difíciles de superar, aínda que países como Xapón o consigan.

O empeoramento dos datos de mortalidade ao redor de 2010 é practicamente xeneral. Só nas mortes por enfermidade mental (un concepto pouco numeroso, xa que o que sucede con estas persoas é que falecen por outras causas) a variación empezou antes, en 2006. E o cambio de tendencia ao redor de 2010 vese claro no gráfico anexo. E noutros ofrecidos polo INE.

O instituto, por exemplo, destaca na súa nota de prensa o aumento de falecementos por enfermidades respiratorias: un 17% en taxa desde 2010 a 2012. “Sempre son das que máis crecen”, di José Miguel Rodríguez González-Moro, responsable de Relacións Institucionais da Sociedade Española de Neumoloxía e Cirurxía Torácica (Separ). Para el, as causas están claras: “Aínda sufrimos as secuelas da epidemia de tabaquismo de fai 20 anos, con taxas de fumadores do 40%. Agora, co 28% decidimos que estamos moi ben, pero segue sendo moitísimo”, afirma. “Se en cardioloxía deixar de fumar parece que se nota enseguida, os cancros e a enfermidade pulmonar obstructiva crónica (EPOC) aparecen ata 20 anos despois de deixar de fumar”, di.

Ademais, o neumólogo non pode restar importancia á idade dos pacientes. “As neumonías son a porta das infeccións, porque chegan por onde se respira, e iso facémolo todos. Cando ocorren en persoas con outras complicacións, a situación agrávase”, afirma.

Iso non explica o cambio de tendencia que se produce a partir de 2010. “Parece pronto para falar do efecto dos recortes ou da crise, pero haberá que estar atentos e estudalo”, afirma o representante de Separ.

O que parece claro polos datos é que ese cambio dáse en case todos os grupos de enfermidades. E o feito de que suceda en todas case á vez indica que algo pasou para que a tendencia de descenso rompera.

Cunha rápida revisión dos datos, e centrándose só na mortalidade xeral e na atribuída ás enfermidades respiratorias, que son “das que máis soben”, García Benavides cre que “é pronto para establecer hipótese”. “Desde logo, o envellecemento está aí”, apunta, e “é posible que en moitos dos cancros se chegara a un punto en que non aumenta a supervivencia”, di. “Haberá que esperar para ver que pasa”.

Curiosamente, das principais causas de mortalidade, a que menos parece notar o cambio é a primeira delas: as enfermidades do sistema circulatorio. Juanatey é tallante: “Se nos últimos 30 anos os españois gañaron seis anos de vida, catro débense aos avances nas enfermidades cardiovasculares [unha categoría que non encaixa exactamente coas do INE]”. Segundo os últimos estudos da SEC, as mortes por enfermidades cardiovasculares caeron un 0,2%. “Iso quere dicir que o sistema público de saúde aínda lles está ofrecendo medicina de calidade. Tendo en conta que, ademais, hai máis pacientes, os datos son bos, aínda que baixe o ritmo de mellora da supervivencia. Estámolos tratando mellor”, di Juanatey.

O INE, no apartado de enfermidades do sistema circulatorio, rexistra un repunte na mortalidade para 2012 do 3% fronte ao 2011, pero cos cálculos da SEC a situación aínda non é tan grave. “Aínda non nos pasa como en Grecia, onde os infartos aumentaron un 30% en dous anos. A mortalidade tamén aumentou, igual que en Portugal e Irlanda. Pasou en Islandia tamén”, afirma.

E os recortes? Non hai un efecto da perda de orzamentos na saúde dos pacientes? “Nos hospitais os recortes sufrímolos, e moito, o persoal sanitario. Recortáronnos o soldo, e traballamos máis horas, pero ninguén me dixo que deixe de ver pacientes ou de dar un tratamento”, deféndese o neumólogo José Miguel Rodríguez.

O cardiólogo José Ramón González-Juanatey opina igual. “É verdade que aumentaron as listas de espera, pero non para os casos moi graves. Eses aténdense sempre”.

“Estamos ante os efectos esperados polos recortes brutais e indiscriminados que se produciron na sanidade pública sumados ao empobrecemento da poboación. Unha vez máis demóstrase que os recortes matan. Tememos que as cifras de 2013 sexan moito peores, salvo que se rectifique a política sanitaria e de protección social”, afirma a Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP).

Os expertos danlles a razón en parte: quizá non sexan os recortes en sanidade os directamente culpables do aumento da mortalidade, pero hai un “efecto difuso do empobrecemento”, afirma Benavides. En cardioloxía, por exemplo, iso vese fácil: “A xente come peor, toma máis graxas industriais. Ademais, a propia situación de estrés fai que haxa máis infartos”, di Juanatey. “Pode haber un efecto da maior pobreza enerxética”, sinala Hernández.

Os próximos anos darán a resposta exacta. Dous anos é pouco tempo para evaluar políticas sanitarias, pero o cambio de tendencia está aí. E pode durar: si bioloxicamente rexuvenecer aos maiores é imposible, economicamente tampouco parece que se estea preto de reducir a pobreza.

Os suicidios aumentan un 11% nun ano

O número de suicidios en España creceu en 2012 ata os 3.539 casos. Esta cifra representa unha taxa de 7,6 por 100.000 habitantes. Mírese por onde se mire, é un claro incremento. Son un 11,3% máis que os rexistrados en 2011 e a taxa máis alta desde o ano 2008.

A pregunta xorde de forma inmediata. Quere isto dicir que a crise económica levou aparellado un incremento no número de suicidios? Non, a xuízo de Santiago Duran-Sindreu, psiquiatra responsable do Plan de Prevención do Suicidio do Hospital de Sant Pau de Barcelona. “Hai unha coincidencia no tempo entre ambos factores, pero non podemos dicir que exista unha relación de causa efecto, iso sería atrevido”. Duran-Sindreu considera que o incremento “non é alarmante” xa que as cifras non deixan de moverse nuns valores similares ás dos últimos 15 anos. En 2000 as cifras estaban en 8,4 casos por 100.000 habitantes e en 2008 en 8,9. Algo máis dun punto por encima do repunte de 2012, segundo os datos do INE.

Mesmo con este incremento, seguen sendo estatísticas moi por baixo dos rexistros dos países máis desenvolvidos. Con datos da OCDE a taxa de España en 2011 era de 6,9 por 100.000 habitantes fronte aos 8,5 suicidios en Portugal; 9,5 de Holanda; 15 de Polonia ou os valores disparados de Xapón (20,9) e Corea do Sur (33,3).

O que si sucedeu é que despois dunha tendencia decrecente desde o ano 2008, a partir de 2010 a curva volve crecer. E produciuse un incremento moi elevado respecto de 2011. “Proporcionalmente é dos máis altos da serie”, destaca Duran-Sindreu. Por iso, considera os últimos datos “rechamantes”. Tanto como para que sexan tomados en conta polas autoridades sanitarias.

Este especialista recorda que máis do 90% das persoas que se quitan a vida teñen trastornos mentais e que unha situación económica desfavorable é “un estresor crónico que pode desencadear trastornos adaptativos depresivos”.

Ante os datos que reflicte o INE, o psiquiatra reclama a posta en marcha dun plan de prevención do suicidio, como o que xa teñen outros países da Unión Europea ou comunidades autónomas como Cataluña, que presentou un programa específico destinado a tal fin en decembro denominado Código Risco de Suicidio.

“Non hai que alarmar, pero si se trata dun toque de atención [en referencia ao informe do INE] para tomar en serio esta tendencia que é preocupante”, sostén Carlos Artundo, psiquiatra e conselleiro delegado da Escola Andaluza de Saúde Pública (EASP). Artundo tampouco se atreve a establecer aínda unha relación causal motivada polo afundimento das condicións económicas. Aínda que insiste en que hai que estudar os datos “en profundidade”. “Hai evidencias dun aumento de consultas en centros de saúde mental, de casos de ansiedade, depresión e consumo de psicofármacos vinculados á crise”, engade.

Dos 3.539 suicidios rexistrados en 2012, un total de 2.724 corresponderon a homes fronte ás 815 mulleres. A cifra é especialmente pronunciada na franxa de idade dos 25 aos 34 anos. Neste segmento, é a primeira causa de morte entre homes (o 17,8% do total) e en toda a poboación, a segunda, por detrás dos tumores.

Advertisements

One response to “Radiografía da mortalidade

  1. Pingback: Sarela detecta un coñecemento moi limitado sobre o ictus | FEGADACE·

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s