“Sempre hai quen ve os servizos públicos como un nicho de negocio”

Anxo Queiruga, presidente do CERMI Galicia.

Anxo Queiruga, presidente do CERMI Galicia.

Aínda que parece ser optimista, Queiruga deixa entrever nas súas afirmacións unha postura incomformista e reivincativa da que non quere desprenderse, e recorda que a crise non pasou, que o paro é espantoso, que nin sequera antes estaban cubertas todas as necesidades e que “non estamos aprendendo nada, seguimos mirándonos ao embigo á espera de que volvan os felices anos do pasado”. Mentres, explica que os servizos sociais seguen sendo nichos de negocio para algúns, polo que aposta pola calidade da oferta das entidades da discapacidade para seren competitivas fronte ao sector privado.

Entrevista a Anxo Queiruga, presidente do CERMI Galicia, publicada no boletín cermi.es semanal.
Fai un ano falabamos da creación en Galicia do Informe Social Unificado (ISU), que supón unha valoración integral das necesidades das persoas fronte aos recursos públicos, e vostede xulgábao de xeito positivo. Comezou xa a aplicarse? Ten outra valoración que facer?

A miña valoración segue sendo positiva, xa que a elaboración dun modelo de informe social unificado (ISU) na área de dependencia, discapacidade e promoción da autonomía persoal constitúe un paso máis por parte da Consellería de Traballo e Benestar na mellora do sistema a través da implantación de novos instrumentos que melloren a coordinación entre profesionais e entre institucións, e a través tamén da implantación de novas medidas técnicas que facilitan a xestión para mellorar a súa eficacia e eficiencia.

Tratouse de obter un instrumento común que facilite o acceso aos servizos sociais vinculados á área de necesidade de autonomía persoal, diminuíndo ao mínimo o traballo de cumplimentación de diferentes -e con similares contidos- formularios de informe social, configurando o modelo de ISU para o seu uso xeneralizado polos e polas profesionais dos servizos dirixidos a persoas maiores, persoas con discapacidade e persoas con dependencia.

Trátase, sobre todo, de facilitar un instrumento normalizado que recolla a información básica, pero suficientemente ampla para lograr unha perspectiva global da situación da persoa, das súas necesidades e potencialidades e da súa rede de apoio social e institucional.

Apuntaba vostede daquela a importancia desa valoración de recursos, pero consideraba máis importante que devanditos recursos estivesen dispoñibles; se non, de pouco serve a valoración. Desapareceron os recursos sociosanitarios en Galicia nos últimos tempos, ou ben minguaron, ou nunca existiron na súa totalidade?

Eu apuntaba á importancia de facer unha valoración integral das necesidades das persoas e que estivesen dispoñibles os recursos públicos necesarios para paliar esas necesidades.

Os recursos sociosanitarios en Galicia, como tales, nunca existiron na súa totalidade. Intentouse establecer liñas de coordinación sociosanitaria interinstitucional pero no día a día non operativizaron.

Comentaba tamén que o principal nestes momentos é manter o logrado, racionalizar os recursos ao máximo. Lógrase manter esa tendencia?

Non creo que cambie a situación do ano pasado. Isto de seu parece positivo, un ano máis de crise e parece que nos mantemos.

Con todo, teño a sensación de que non estamos aprendendo nada. Seguimos mirándonos o embigo á espera de que volvan os felices anos do pasado (que por suposto non eran tan felices). Non se están creando correntes de cooperación. Posiblemente, despois de tantos anos, hai costumes, dinámicas que son difíciles de romper. Teremos que perseverar todos e todas niso.

A incerteza sobre o futuro próximo, posibles recortes ou peches de entidades, era naquela altura o máis difícil de afrontar. Acougaron os ánimos ou mantense a sensación de inestabilidade?

Os datos non indican que con carácter xeral a situación mellore, talvez, e digo talvez, nos esteamos deixando levar polo cambio entre a postura case derrotista (non temos nin un duro) cara a unha certa compracencia por unha certa información de mellora.

A realidade témome que segue, no mellor dos casos, acazapada, e non temos que mirar máis aló das nosas compañeiras e compañeiros do movemento asociativo de todo o Estado para ver que o perigo é real e palpable.

Seguimos aguantando pero sigo pensando que de xeito moi fráxil.

Apostaba tamén por evitar a mercantilización dos servizos e apoios para persoas con discapacidade, existe o temor de que se aposte finalmente por esa vía ou ocorreu xa?

Sinceramente, creo que mantemos un espazo reservado, non por unha estratexia de futuro sobre como as AAPP queren que sexan gestionados os servizos para as persoas con discapacidade (ou os servizos sociais en xeral), senón por que dispoñemos das estruturas (case en exclusiva) para prestalos.

A tendencia servizos públicos – xestión privada parece estar moi enraizada e, na medida que esa xestión pode producir plusvalías, sempre existirá quen os vexa como un nicho de negocio.

Si a normativa europea de contratación pública parece recoñecer a posibilidade (necesidade) que os servizos sociais poidan saír dos concursos e utilizar outras figuras como os convenios, pode ser un indicio dunha nova tendencia. Pero, nestes momentos, apostaría por prepararnos para ser competitivos e vencer ao sector privado coa calidade como estandarte.

Como CERMI, cal é a reclamación máis urxente para as persoas con discapacidade en Galicia?

Eu diríao poñendo en maiúsculas que os recortes e os copagos non afasten a unha parte moi importante das persoas con discapacidade das prestacións e servizos que tanto necesitan.

Segue a crise, con niveis de paro espantosos, na medida que as prestacións das persoas con discapacidade sexan unha fonte considerable ou importante (ás veces a única) de ingresos da unidade familiar, causará o afastamento por mera supervivencia.

E como se atopan as relacións co goberno galego e demais responsables públicos? Senten o respaldo político e administrativo?

Creo que seguen igual, cordiais, de colaboración, mesmo próximas. Iso non impide que teñamos opinións distintas pola nosa natureza diferente. En todo caso, mesmo no que non estamos de acordo, no que máis nos separa, seguimos mantendo ao Cermi como entidade política que é tida en conta. Non sempre coa mesma percepción para todos pero si tida en conta.

Existe unha asignatura pendente en Galicia, como poden ser a accesibilidade ou a educación inclusiva?

Galicia ten moita asignaturas pendentes, probablemente as mesmas que noutras Comunidades Autónomas. Pero, sen dúbida, a asignatura máis pendente é a que nace pola nosa disposición xeográfica, a dispersión do medio rural e o alto envellecemento desas zonas. As persoas que viven no rural non dispoñen dos servizos mínimos necesarios, dos apoios básicos. Para acceder a eles é necesario (no mellor dos casos) que realicen grandes desprazamentos, co que significa de tempo no transporte e o custo do mesmo.

Se per se a situación nunca foi boa, moito me temo que os esforzos que realicemos para achegar ao rural medidas de inclusión social, de promoción da autonomía persoal, prevención da dependencia ou calquera outro, non serán moi fructíferos. Pero non imos ceder no empeño, para iso estamos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s