De como previr o dano cerebral adquirido co deporte

José Balboa, presidente de Sarela e de FEGADACE.

José Balboa, presidente de Sarela e de FEGADACE.

O presidente da Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela e da Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), José Balboa, reflexiona sobre a importancia que ten a actividade física para minimizar o risco de adquirir esta discapacidade nun artigo para a sección de ‘Firmas invitadas’ de STGO! A revista, de periodicidade quincenal, publicouse onte e está dispoñíbel en bares, centros de ensino ou locais socioculturais de Compostela de xeito gratuíto. O artigo está extraído da web de Sarela.

O dano cerebral adqurido é unha discapacidade recente, e, por iso, pouco coñecida. A súa causa é unha lesión producida no cerebro por unha doenza (como o ictus ou un tumor cerebral) ou por un traumatismo cranioencefálico (motivado por un accidente de coche, laboral, un golpe no deporte, caídas…), que deixa unha serie de secuelas físicas, psíquicas e sensoriais, que se manifestan de maneiras diversas segundo a persoa.

A variedade de secuelas que compoñen o dano cerebral adquirido fai que requira unha rehabilitación interdisciplinar como a que se proporciona en Sarela. A discapacidade xerada, e a imperfección da nosa sociedade, provocan que se precise un traballo de inclusión das persoas con dano cerebral, como o que se promove desde Sarela. Pero evitar que se produzan máis casos de dano cerebral adquirido é a gran prioridade das asociacións como Sarela, que se esforzan en sensibilizar á cidadanía sobre as maneiras de previr esta discapacidade.

Dicimos que o dano cerebral adquirido é unha discapacidade recente porque está moi relacionada cos avances médicos na abordaxe urxente do ictus (que é o causante do dano cerebral adquirido no 78% dos casos) e dos traumatismos. Ao tempo que se reduce a mortalidade por estas causas, increméntase o número de persoas salvadas, pero con discapacidades adquiridas. E aí é onde comeza o noso traballo.

Prevención dos factores de risco

As causas do dano cerebral adquirido pódense previr. Inserindo na nosa vida diaria uns coidados axeitados e tomando determinadas precaucións podemos minimizar o risco de adquirir esta discapacidade. Como? Con pequenos cambios transversais, e moi relacionados entre si, no nos modo de vida.

como dicía fai un intre, o ictus é a primeira causa de dano cerebral. Non se pode evitar, pero é posíbel minimizar o seu risco. Son factores de risco do ictus a hipertensión, a obesidade, a diabetes… Pero tamén o consumo de tabaco, alcohol e outras drogas.

Os famosos hábitos de vida saudábel poden servir de escudo contra o ictus: axuda desterrar da nosa vida o tabaco e as drogas e minimizar o consumo de alcohol. Este último non é necesario abandonalo: algo de viño é bo, pois as uvas están cheas de antioxidantes que protexen o noso cerebro!

Seguir unha dieta equilibrada e evitar o sedentarismo son as outras claves da prevención. Como profesional da cociña teño que insistir en que se debe consumir moita froita e verdura e poucas graxas e, sobre todo, evitar as trans e as saturadas (as da manteiga, embutidos, carnes…). Algo de deporte todas as semanas, aínda que só sexa camiñar un ratiño, completa a táboa de recomendacións.

Open Solidario no Squash Santiago

A nosa teima cos hábitos de vida saudábel compleméntase á perfección coa iniciativa de Open Solidario con Sarela que promove o Squash Santiago. Ao longo de todo mes dispútase un torneo solidario de squash, softracquet, tenis, pádel, volei praia e tenis praia nas instalacións do Squash no Milladoiro. A recadación vaise destinar íntegra a Sarela.

Gústanos esta iniciativa porque nos axuda a promover que a xente faga deporte e evite o sedentarismo. Participar en competicións deportivas tamén nos permite incidir noutra vertente da prevención: as boas prácticas deportivas e o xogo limpo. Facer exercicio con seguridade e nun marco de sa competitividade fai que se minimice o risco de traumatismos.

Aproveito a ocasión para animar a todo o mundo a participar neste Open Solidario con Sarela que se xoga no Milladoiro, e a tomar conciencia da discapacidade. O dano cerebral adquirido é unha realidade e pódelle pasar a calquera. Solidarizarse coas persooas que xa o teñen contribúe a construír, entre todos e todas, unha sociedade máis xusta e tolerante coa diversidade.

*O número 5 da revista STGO! co artigo de José Balboa pódese consultar pinchando aquí. A continuación, unha mostra do aspecto do texto na páxina 20 da revista:

stgo

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s