Sarela cederá un aloxamento ás familias de persoas hospitalizadas con DCA

Presentación da iniciativa de aloxamento temporal de Sarela.

Na mañá de onte responsables de Sarela, Asociación de Dano Cerebral de Compostela, e do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago presentaron publicamente o Servizo de aloxamento temporal a familias que poñen en marcha conxuntamente as dúas entidades. Na rolda de prensa estiveron presentes Luciano Fernández, secretario de Sarela; Luís Verde, xerente da XXI (Xerencia de Xestión Integrada) de Santiago e Estrella López Pardo, Subdirectora de Calidade e Atención ao Paciente da XXI de Santiago.

Este proxecto consiste en facilitar gratuitamente un aloxamento temporal aos familiares ou principais coidadores dun paciente hospitalizado cun dano cerebral adquirido (DCA). Trátase de proporcionar un espazo de intimidade e recollemento nunha fase do proceso hospitalario especialmente dura para que esas familias poidan descansar, asearse, gardar as súas pertenzas etc.

Luís Verde, xerente da XXI de Santiago, afirmou que o proxecto proposto desde Sarela é unha mostra do desenvolvemento da responsabilidade social deste centro asistencial. Verde agradeceu a Sarela o traballo de coordinación e colaboración realizado e destacou que un dos obxectivos do CHUS é traballar en colaboración con todos os actores que participan na asistencia sanitaria para mellorar a atención.

Luciano Fernández, secretario de Sarela, destacou que esta iniciativa nace da experiencia da asociación no trato coas familias e persoas con DCA a través do seu Programa de información, orientación e apoio. Este programa ata hoxe consistía na información especializada facilitada no Centro de Sarela e no punto de información que ten no CHUS nun espazo cedido pola xerencia.

Desa experiencia, afirmou Luciano Fernández, “decidimos que era oportuno e necesario poñer a disposición das familias dun espazo para a intimidade e o descanso”. “Este piso ponse a disposición dos familiares ou principais coidadores de xeito gratuíto e con cargo aos orzamento de Sarela. Será por un tempo limitado e pode ser compartido por tres acompañantes á vez”, afirmou Fernández.

O secretario de Sarela agradeceu a colaboración prestada polo CHUS e destacou que o proceso de acollida das familias farase en coordinación cos servizos e profesionais que participan na atención e seguimento clínico.

Deixar un comentario