Sarela inaugurou o seu novo centro

Asistentes á inauguración de Sarela.

Con este acto a entidade culmina o traballo de 16 anos de familias e profesionais.

Sarela celebrou este luns, día 19, a inauguración do seu novo Centro, situado no barrio do Paxonal. No acto de inauguración, presentado pola vicepresidenta de Sarela, Concha Otero, participaron o presidente da asociación, José Balboa; o presidente das federacións estatal e galega de dano cerebral, Luciano Fernández; a Directora Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García; e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

O salón ateigado polas persoas usuarias do centro, as familias, os socios e colaboradores da asociación, representantes doutras entidades sociais da cidade, unha ampla representación política da vida municipal e autonómica, profesionais da sanidade  etc.

José Balboa, presidente de Sarela e un dos seus fundadores, foi o encargado de dar a benvida a todas as persoas convidadas e destacou que a construción do centro “foi a consecución dun soño das familias e profesionais que comezamos hai hoxe 16 anos a andaina de Sarela”. “Arremangámonos e puxémonos a traballar co único obxectivo de reclamar os dereitos dos nosos seres máis queridos e atendelos onde o sistema público non chegaba ou o facía de xeito ineficaz”.

Balboa agradeceu a suma de esforzos e compromisos que o fixeron posible: “do Concello de Santiago cedéndonos a parcela, da Deputación da Coruña implicándose na súa construción e equipamento e o máis importante de toda a cidadanía que grazas ao 0’7 solidario do IRPF achegou a maior parte do investimento. É por iso que o Centro de Sarela é de todas e todos vós”.

O presidente de Sarela rematou a súa internvención facendo unha mención aos dous actos de violencia machista vividas esta fin de semana en Galicia para reclamar un esforzo común para derrotar esa lacra social.

Luciano Fernández, presidente de FEDACE e FEGADACE, as federacións española e galega de dano cerebral, agradeceu a Sarela “o impulso sostido na defensa das persoas afectadas por DCA e as súas familias”.  Fernández destacou que grazas a este traballo de máis de 15 anos hoxe o dano cerebral adquirido é recoñecido e lembrou a achega dun “reducido pero implicado grupo de profesionais sanitarios que impulsaron, promoveron e ás veces lideraron ese movemento”. Como presidente das federacións que agrupan en Galicia e España ás entidades vinculadas ao DCA Fernández instou ás institucións “a seguir impulsando e promovendo recursos específicos para o DCA”.

Fabiola García, Directora Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, agradeceu e recoñeceu a labor desenvolvida por Sarela nos seus 16 anos de vida e afirmou que o compromiso da Xunta de Galicia a favor das persoas con discapacidade “tradúcese na aposta decidida por mellor a calidade de vida das persoas que teñen limitada a súa autonomía persoal”. Destacou que nese camiño de garantir máis e mellores recursos “a Xunta de Galicia quere seguir contando cos concellos que son a porta de entrada aos servizos sociais e, como non, con todo o tecido asociativo porque ninguén mellor que vós coñece as necesidades de cada colectivo”.

O Alcalde de Santiago, Martiño Noriega, foi o encargado de pechar o acto de inauguración e retomou o argumento da colaboración institucional. Para Noriega Santiago é unha cidade onde as distintas institucións “colaboran por riba das cores políticas e antepoñen ao persoal especializado e á xente como a de Sarela que pelexa e son os causante de que hoxe estamos aquí”. O Alcalde da cidade aseguro que coa inauguración do Centro de Sarela “cóbrese un oco nos coidados especializados onde moitas veces non chegan as administracións públicas”. “Esa é unha pelexa e un motivo de orgullo do conxunto da cidade, que hoxe poñemos fin a unha pelexa de moitas e moitos de vós”.

*Información e imaxe de Sarela.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s