A Xunta apoia con 14 millóns unha gran residencia privada de dependentes

O exconselleiro de Economía Javier Guerra, en primeiro termo, na visita que realizou en 2011 ás obras do edificio onde se puxo en marcha a residencia de Bóveda.

O exconselleiro de Economía Javier Guerra, en primeiro termo, na visita que realizou en 2011 ás obras do edificio onde se puxo en marcha a residencia de Bóveda.

A empresa recibe catro millóns de crédito e 2,6 millóns anuais de Benestar

Información extraída de El País.

A maior residencia para dependentes físicos graves de Galicia, con 146 prazas, acaba de abrir en Bóveda, municipio de 1.600 habitantes entre Sarria e Monforte. É privada, pero o emprendedor que a puxo en marcha contou con 14 millóns de euros da Xunta facilitados a dedo.

Segundo o Goberno galego, o proxecto supuxo un investimento de 7,7 millóns a cargo de Atención Integral Personalizada (AIP), SL, sociedade creada por Jesús Hernández Bleda fai dous anos con sede nun despacho de avogados de Chantada. O empresario, con experiencia anterior no transporte sanitario en Cataluña, planificou primeiro unha residencia para discapacitados intelectuais. Para iso AIP fíxose coa estrutura a medio construír dun xeriátrico, un esqueleto de formigón para o que o alcalde de Bóveda, o popular José Manuel Arias, buscaba unha solución.

O edificio terminouse co apoio do exconselleiro de Economía Javier Guerra, que en marzo do ano pasado, un mes antes das eleccións municipais, visitouno acompañado pola delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, anunciou un crédito do Igape de catro millóns e prometeu empregos para a zona.

Tras a visita de Guerra, a federación de discapacidade intelectual de Galicia (Fademga) censurou o modelo de residencia polo seu tamaño e por estar nun parque empresarial. As críticas non variaron o modelo, pero si fixeron que se reorientase da discapacidade intelectual á dependencia física. Fademga segue lamentando que a Xunta apoie a unha empresa privada descoñecida en Galicia no canto da asociacións sen ánimo de lucro con anos de experiencia.

Terminada a obra, o complexo abriu o pasado verán e agora a Consellería de Benestar acaba de concertar con API ata 105 prazas por máis de 10 millóns de euros, a razón de 2,6 millóns ao ano ata 2016. É o maior dos concertos aprobados pola consellería e adxudicouse cun procedemento negociado sen publicidade e con exclusividade, isto é, a dedo e sen concurso público. Traballo tamén organizou en Bóveda cursos de formación laboral para a atención de dependentes.

Economía non explica a súa participación no proxecto mentres que Benestar argumenta que concertou as prazas a dedo porque API era “a única entidade” dispoñible. Sobre as críticas dos expertos polo tamaño da residencia, asegura que “cumpre cos parámetros adecuados”, que “non cabe falar de masificación” e que “as residencias propias para a atención á discapacidade que xestiona directamente esta consellería en Sarria [a 20 quilómetros de Bóveda] ou Redondela teñen 140 prazas”.

Para o alcalde de Bóveda o novo complexo, con 80 postos de traballo directos cando estea a pleno rendemento, é “unha lotería” que lle tocou ao municipio. “Estas empresas necesitan apoio das Administracións”, destaca Arias, quen critica que a Xunta bipartita non llo quixo dar ao xeriátrico previsto inicialmente. Cando o PP recuperou o goberno, Arias comezou a “brujulear por aí” para atopar novo destino a aquelas paredes. “Entón xa había máis residencias de maiores na zona, por iso enfocouse aos dependentes”, explica. E a súa “sorte” foi atopar ao empresario catalán, que “levaba vindo por aquí moitos anos” porque a súa muller é de Chantada: “Fomos a por el”.

Deixar un comentario