Curso de avaliación e rehabilitación do DCA do COPG

Exterior do Hospital Marítimo de Oza.

Exterior do Hospital Marítimo de Oza.

Os vindeiros días 17 e 18 de outubro vaise celebrar no Hospital Marítimo de Oza, na Coruña, o curso “Avaliación e rehabilitación da atención e as funcións executivas: Casos prácticos”. A actividade formativa está organizada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) e vai dirixida a psicólogos/as que traballen ou estean interesados/as no tratamento neuropsicolóxico do dano cerebral.

Segundo informa a Federación Galega de Dano Cerebral, coa que colabora o COPG, a enquisa do INE de 2008 sobre Discapacidade, Autonomía Persoal e Situacións de Dependencia, revela que en Galicia se estima que hai unhas 35.000 persoas con dano cerebral adquirido.

O programa a desenvolver enmárcase na serie de cursos do COPG sobre formación en intervención no dano cerebral e ten un enfoque eminentemente práctico. Deste xeito, os/as asistentes coñecerán as distintas estratexias na intervención nas funcións atencionais e executivas así como a súa posta en práctica en persoas con dano cerebral adquirido. O obxectivo é que adquiran ademais as ferramentas necesarias para o deseño de programas de rehabilitación.

As encargadas de impartir a docencia son as psicólogas clínicas María Dolores Vinagre Torres e María Jesús Gómez Vecino. Ambas as dúas traballan como neuropsicólogas na asociación ADACECO (Asociación de Dano Cerebral de A Coruña) desde o ano 2002 e contan cunha ampla experiencia no eido do dano cerebral.

O curso vaise celebrar no Salón de Actos do complexo hospitalario cun horario de 17:00 a 20:00 horas o venres e o sábado de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

Deixar un comentario