O CERMI-Galicia comparece na Comisión de Discapacidade do Parlamento

Fotografía de Albert galiza extraída de Wikipedia con licenza CC-BY-SA-3.0.

Fotografía de Albert galiza extraída de Galipedia con licenza CC-BY-SA-3.0.

Hoxe inaugúrase a Comisión non permanente de seguimento das políticas relativas á Discapacidade e elaboración de novas propostas a prol da Integración das persoas con Discapacidade.

A de Anxo Queiruga será a comparecencia de apertura e a continuación terán lugar as protagonizadas polo resto de entidades que integran o CERMI Galicia, que se celebrarán nos próximos meses.

Información extraída do CERMI.

O presidente do Comité de Entidades de Representantes de Persoas con Discapacidade en Galicia (CERMI Galicia), Anxo Queiruga Vila, comparece o próximo luns no Parlamento de Galicia con motivo da inauguración da Comisión non permanente de seguimento das políticas relativas á Discapacidade e elaboración de novas propostas a prol da integración das persoas con Discapacidade.

O presidente do CERMI Galicia estará acompañado da entidade Cogami. Esta comparecencia será a primeira das nove entidades restantes que integran o CERMI Galicia na actualidade Fademga-Feaps, Faxpg, Once, Feafes Galicia, Down Galicia, Autismo Galicia, Fegadace, Fagal e Aspace Galicia.

As comparecencias levaranse a cabo ao longo dos próximos meses, en cada unha delas a entidade membro representada polo seu presidente debullará as problemáticas que afectan ás Discapacidades que atenden nas súas Federacións.

Nesta ocasión, o presidente do CERMI Galicia expoñerá as políticas e maiores preocupacións que trasversalmente afectan ao sector da Discapacidade na Comunidade, entre outras, a falta de seguridade nas liñas de financiamento das entidades para os próximos anos, o risco de retrocesos nas políticas de discapacidade pola situación económica, o perigo manifesto de exclusión social do colectivo, a necesidade dun cambio nas políticas de emprego, o recoñecemento das persoas con discapacidade como cidadás de pleno dereito.

Ademais, tamén se referirá á falta de accesibilidade en infraestruturas e comunicacións, ao incremento dos gastos en materia socio sanitaria para as persoas con discapacidade e á falta de coordinación das administracións e os prexuízos que isto causa ás persoas afectadas e ás súas familias, así como aos interrogantes do sector de cara á implantación eminente da LOMCE, e a plena inclusión educativa dos nenos con discapacidade conforme ao recollido na Convención da ONU.

Outro tema relevante e en auxe, para o colectivo, é o incremento da proliferación do xogo ilegal usando a imaxe das persoas con Discapacidade.

Deixar un comentario